sábado, 6 de xullo de 2013

Toponimia do Concello do VALADOURO


Esta páxina achega un pequeno estudo toponímico das distintas parroquias do concello. 

Esperamos que poida ser de utilidade para o que sinta curiosidade por un tema que nos amosa unha pequena vista á nosa historia e aos que pasaron por estas terras e lles deron nome. 

Non é unha lista exhaustiva, omitimos todos aqueles con significado transparente. 
É unha páxina viva: irá medrando conforme vaiamos tendo tempo.
_________________________________________

A ABELLEIRA 
(O CadramónVilacampa, Frexulfe)
O termo "abelleira"  refere a "colmea" ou "enxame". Polo xeral, estes lugares de colmeas acostumaban estar cercados, para protexer as colmeas dos animais, e un tanto lonxe da poboación.
Alternativamente, pode ter unha orixe totalmente distinta, derivada da raíz hidronímica indoeuropea *ab–.
Aínda que o apelativo "abelleira" teña tamén a acepción de "herba abelleira" (Melissa oficinalis
), é improbable que sexa esta a orixe, pois sería extraño un topónimo referido ao nome singular dunha planta sen uso especialmente relevante.


A ALVARIÑA (San Xiao de Recaré)

O termo "alvariño" ou "albariño" é un derivado do adxectivo latino albus 'albo, branco'. Dado que se pode aplicar en múltiples contextos, é difícil de establecer neste caso o significado, aínda que podería vir de "(terreos) albariños", " terra albariña", definida no dicionario como "terra lixeira e de mala calidade". Cf. aquí. Navaza interprétao similarmente, como diminutivo de "albar", "de cor tirando a branca", por exemplo de "uva albariña", ou "terra albariña" ("terra esbranquizada").  Alternativamente, de "arboriña" e incluso tamén, nalgúns casos, como antropónimo. Cf. aquí.
 
A AMARELA (Budián)
Orixe incerta.
Podería derivar do adxectivo no senso de "(terra) amarela".
Alternativamente, pode derivar, tal como indicaba E. Bascuas, do hidrónimo prerromano paleoeuropeo *am-, cun significado relativo a "suco, canle, cavar". Cf. p. 212 de E. Bascuas "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega". Estaría, por tanto, relacionado cos topónimos Amosa (varios), A Amoá (Cabanas) e As Amoás (Sumoas).

A ARNELA (Budián) 
Autores como E. Bascuas relaciónano coa forma hidronímica paleooeuropea *arn- (como nos casos de "Arnoia", "Arnela", etc), derivada da raíz indoeuropea *er- 'fluír, moverse'. Tería un significado de  "corrente de auga", e despois "casca dos castiñeiros e carballos" ou  "casca de árbore usada de canaleta para conducir a auga". 

O dicionario define "arnela" como "praia en costa aberta, que se mete entre dous montes, e na que xeralmente desauga un río ou regato". Cf. aquí.  Este significado parece tamén encaixar por analoxía co concepto de " canaleta para conducir a auga" citado antes.

Algúns autores derivan "arnela" do latín *arenella, encaixando co significado de praia citado, ainda que non coas outras acepcións. Existe unha "Praia da Arnela" en Faro (Viveiro).

A AZOREIRA (Vilacampa)
Lugar onde abundan ou abondaban os azores, talvez con significado metafórico para indicar o seu lugar no alto.
Eladio Rodríguez tamén recolle a acepción de "lugar onde hai azores amansados". Cf. aquí.

A BALSA (O Cadramón)
O topónimo "balsa" é de orixe prerromana, e indica unha charqueira, un estanque, e tamén un lugar onde medra a vexetación.
O profesor F. Villar derívaa da raíz *bhel- 'branco, brillar', con extensión -s-. Cf. p. 299  de "Indoeuropeos y no indoeuropeos en la Hispania prerromana".
Alternativamente, cremos que podería ter a orixe na raíz indoeuropea *uel- 'virar', que E. Bascuas apunta para "Baleira" (cf. p.315, Edelmiro Bascuas. "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega"). 
Finalmente, A. Tovar asígnalle unha orixe pre-indoeuropea, por ter correspondencia co vasco.

A CAMPOSA DAS SAÍÑAS (Vilacampa)
O termo "camposa" ("campón") designa un campo grande.
En canto ao termo "saíña", o dicionario define saíña como lugar onde abunda o sal ou se cría o sal. Cf. aquí. Descoñecemos se este puidese ser o caso.

A CARREIRA (Santa Cruz do Valadouro)
O apelativo "carreira", presente no galego desde antigo, indica a presencia de "antigos carrís creados polo paso continuado de carros". Deriva do latín vulgar carraria.

A CAXIGUEIRA (Santa Cruz do Valadouro)
Terreo onde abundan os caxigos. Cf. aquí.

A CHAVE (Santa Cruz do Valadouro)
Probabelmente relativo á forma do terreo en "L", de feito este é o termo para caracterizar, por analoxía, esta clase de terreos.
Analogamente en portugués "chave" denominaba un “recanto ou cotobelo que uma belga ou um terreno faz para algum dos lados” (cf. Elucidário). 

A CONGOSTRA (A Laxe)
Na toponimia galega abundan as "congostras", camiños angostos, entre valados ou ribazos, escavados no terreo, e estreitos, para paso de xente ou carros. Pode ser sinónimo de corgo, córrego. A palabra vén do latín congusta, "estreita". Cfaquí.

A COVA DE ATÁN (O Cadramón)
De *cova de Attane, sendo Attane a forma flexiva dunha persoa chamada Atta ou Attanus, nome rexistrado en 867 como Athanus (cf. M. Lucas Álvarez (1998): Tumbo A de la Catedral de Santiago")
Hai controversia sobre se este nome é de orixe xermánica (a mesma que e.g. a de Attila) ou prerromana. De feito Bascuas deriva *Attanus, dun antropónimo prerromano, relacionado 
con outros como Attanius Aitanius, que aparece nunha inscrición atopada na cidade de Lugo.

A CROA (Budián)
O termo "croa" ven de "coroa", cima de monte redondeada, moitas das veces a parte alta dun castro.

A ESTIBADA (San Tomé de RecaréSanta Cruz do Valadouro)
Xa Sarmiento indicou que unha estivada era “labor que consiste en rozar o monte, queimar a broza cortada, arar a terra e sementala de trigo ou centeo”. 
Concretamente, o termo "estibada" ou "estivada" ten varias acepcións, relacionadas coas antigas "rozas":
  • Roza: operación de cavar un anaco de monte ou terreo inculto, xuntando a broza e facendo borralleiras para despois sementar trigo ou centeo.
  • Terra na que foi feita unha roza despois de extenderse as borrallas desta.
  • Peche dunha herdade con terróns.
Para maior detalle, ver o estudo de Gonzalo Navaza  aquí, así como a información indicada por Eladio Rodríguez Gonzalez aquí. 

A GRANDA (A Laxe, O Cadramón, Ferreira)
O termo "granda" ou "gándara" ten varias acepcións, todas relativas a terreo improdutivo, polo xeral chan.

A GURGULLA (Frexulfe)
O termo "gurgullo" significa "terreo no que naz a auga", e "gurgulla" e o mesmo que "burbulla", derivado de "gorgullar", brotar a auga, ferver. 
Probablemente con orixe paleoeuropea, no tema *gur-g-, que deriva da raíz indoeuropea *gwer- "tragar". Cf. E. Bascuas "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega". 

A LAPA (Santa Cruz do Valadouro)
O termo "lapa" é de orixe incerta (Corominas postulou unha prerromana *lapp) e ten varias acepcións. Neste caso, posiblemente teña a acepción, que aínda se conserva en portugés,  de "burato que fan debaixo da terra certos animais para viviren ou refuxiárense nel". Cf. aquí.

A LIÑAREGA (O Cadramón)
O termo "liñarega", aínda que non recollida polos dicionarios galegos, pode ser sinónimo de "liñar", o mesmo que "pomarega" é sinónimo de "pomar". Deste modo é interpretado por G. Navaza, que refere a este topónimo do Valadouro como sinónimo de "liñar", co sufixo de orixe prerromana -ega, qe indica Navaza "característico da fitotoponimia luguesa"(cf. G. Navaza, "Fitotoponimia galega"aquí).

A artesanía do liño tivo relevancia en Galiza, especialmente nas zonas do litoral e nalgúns vales do interior. O maior apoxeo desta industria artesanal deuse de mediados do século XVIII ata primeiro terzo do XIX. Neste período tecíase liño do país pero tamén de fóra, que entraba polos portos de Ribadeo, Carril e Vigo. Unha vez confeccionado o lenzo, era exportado para Castela e para América.

ALTO DO FORCÓN (Frexulfe)
O significado do topónimo "forcón", frecuente nos concellos da zona, é incerto. 
O dicionario define "forcón" como "pau rematado en dúas gallas pequenas que serve de soporte ou apoio a algo". Posiblemente referido a unha árbore gallada ou a unha bifurcación de camiño ou río. 
Alternativamente, aumentativo de forma, no sentido de "desfiladeiro". Aínda que galego non se rexistra actualmente esta acepción, en portugués si que se conserva.

A MODIA (Vilacampa)
O termo "modia" reférese moitas veces a mámoa ou túmulo primitivo. Outras veces parece referirse somente a un outeiro, a unha "mota", sen existencia de túmulo coñecida.

A MUXUEIRA (O CadramónSan Tomé de Recaré)
Significado e orixe incertas. Existe un "Moxueira" en Riotorto.
Unha posibilidade remota a explorar sería a orixe en "(terra) mansionaria", terras que lles eran concedidas aos campesiños para a súa explotación. En troques desta concesión, os campesiños debían pagar rendas ao señor, xeralmente en especies, e coa prestación de traballos. A evolución sería mansionaria > manxoeira > maxoeira >muxueira.
Alternativamente, podería interpretarse como  de orixe en hidrónimo, no tema paleoeuropeo *mu-s- 'húmido, turbo', o mesmo que para o "río Muxa" (cf. D. Kremer "Onomástica Galega II". 2008).

A ONZA (Budián)
O termo "onza" é un termo prerromano, especificamente, céltico, dunha raíz *en-/*on- 'auga, charco'.  Cf. E. Bascuas "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega".
Correspondería co mesmo topónimo de "Illa de Onza" (arquipélago das illas Ons"), orixinado no termo *Aunitiam.
Xa E. Bascuas menciona explicitamente o topónimo "O Pozo da Onza", no seu estudo do topónimo "Mondoñedo", asignándolle o significado indicado de "charco".Cf. E. BASCUAS, 2001. "Mondoñedo y Valoría", in "Estudios Mindonienses". Num. 17. Ver pp. 432 e ss.

A PAINZÁS (Frexulfe)
o termo "painzás", plural de "painzal", e un lugar onde se planta paínzo (millo-miúdo), ou que produce bon paínzo.

A PENA QUE FALA (Frexulfe)
Derivado de "falar", nun sentido extenso, do ruído do vento na pena, dun xeito similar a  "A Serra da Faladora" en Mañón e ao "monte Bufadoiro" no Vicedo.

A PESQUEIRA (A Laxe, O Valadouro)
Denomínase "pesqueira" (do latín piscaria) ao lugar onde se capturan salmóns e outros peixes, polo xeral perto dos muíños ou aceas. 
En concreto, unha "pesqueira natural"  designa unha pedra, illote ou calquer outro accidente natural onde colocar os aparellos de pesca. No caso dunha "pesqueira artificial" designaría unha presa de pedra situada en diagonal no curso do río, desde onde se pesca o co que se desvía a auga para poder pescar. Nas aberturas que deixan estas presas colocaban nasas, daí os topónimos "Naseiro" existentes en Galiza.
As pesqueiras  xa aparecen documentadas na Idade Media a partir do século IX (cf. aquí).
Por extensión, chámanse "Pesqueira" tamén ás pequenas cascadas (cf. aquí).

Alternativamente, aínda que improbable, pódese interpretar "pesqueira" como derivado do latín pascuaria ´lugar de pastizais', derivado de pascuum 'pastizal'.

A PORTELA (A Laxe)
Diminutivo de "porta", co antigo sufixo -ela.
En canto á súa significación toponímica, os dicionarios de galego rexistran a acepción de garganta por onde se atravesa un monte. Di E. Rivas: "depresión en una loma, por la que se pasa a la otra parte, que originó infinadad de orónimos en la geografía del NO" (cf. aquí).
Porén, tampouco podemos desbotar a outra acepción nos dicionarios, tal como no de X.L. Franco : "abertura en una pared o muro para poder pasar carros".

A RAÑADOIRA (Santa Cruz do Valadouro)
O mesmo que "rañadoiro" 'monte baixo con carqueixas, moi pelado polo gado'. Cf. aquí.
Derivado de "raña", lugar pelado e pedregoso.

A REVOLTA (O CadramónSanta Cruz do Valadouro)
O termo "revolta" refere unha curva de río. Cf. aquí. Tamén ten esta acepción en portugués. Cf. aquí

A REXEDOIRA (A Laxe)
Significado e orixe incerta. Talvez relativo á acción de "rexer" ("gobernar"), e portanto indicativo de lugar de goberno ou de persoa que goberna.

A RUBIAL (Moucide)
Caracterización "rubia"  ("roiba", "vermella") da terra. Posibelmente indicando terras barrentas.
Hai quen o atrubúe á cor da flor da queiroga: as queirogas teñen unha floración abundantísima, visible desde lonxe; os montes tornábanse vermellos ("rubos", "rubais") cando florecía a queiroga en setembro.
Porén, a motivación deste topónimo non fica totalmente clara.
Alternativamente, Joseph. M. Piel relaciona "rubiña" co verbo "rubir" ("subir"), derivándoos do latín rupes ' rocha'.
Existe outro núcleo de poboación de nome análogo, "Rubal" en Viveiro, así como o análogo "A Verdeal".

A SARA (Budián)
O topónimo "Sara" é xeralmente interpretado como hidrónimo derivado da raíz indoeuropea *ser- 'fluír', moi frecuente na hidronimia europea, tal como os casos Sor, Sar, Serantes, etc. (cf. e.g. F. Villar aquí).
É interesante o topónimo estreitamente relacionado "Sarapia", en Trabada, ao pé do río Eo, que inclúe a forma -apia, tamén presente en hidrónimos paleoeuropeos, e derivada da raíz indoeuropea *ap- 'auga, río'.

A SILVOSA DE ABAIXO (Vilacampa), A SILVOSA DE ARRIBA (Vilacampa) 
O termo "silvoso" indica lugar con abundancia de silvas.

A TORRE 
(Santa Cruz do ValadouroSan Xiao de RecaréFerreira)
O termo "torre" nestes topónimos non se refere estritamente a torres , senón a casas fidalgas ou de casas grandes, de labradores ricos.

A VERDEAL (San Tomé de Recaré), A VERDELLA (Budián)
Posiblemente de "a (terra) verdeal", terra de cor que tira a verde, do mesmo xeito que existe "A Rubial", que tira á cor ruba.

A VIQUETA (A Laxe)
Posiblemente sexa un termo relacionado con "bico", palabra de orixe celta, co sufixo -eta.

ABESURA (Frexulfe)
Grafía alternativa por "A Vesura", topónimo moi abundante en Galiza, aínda que con significado incerto.
Posiblemente  derivado de "vesar", "arar profundamente, virando a terra, de modo que a tona e o terrón vaian para o fondo do rego" (cf. aquí).
Alternativamente de "avesura", relativo a lugar vesío.

AGRUÑEIROS (O Cadramón)
Posiblemente de "abruñeiro", o mesmo que "abruño". 
Así, hai un "Agruñido" en Galdo, e outros múltiples topónimos en Galiza, tanto Abruñedo, Agruñedo, Abruñido.

ALBARES (Santa Cruz do Valadouro)
Probablemente este topónimo "Albares" derive de "(terras) albares", terras tirando a brancas, talvez pola arxila. En efecto, o termo "albar" é adxectivo derivado de "albo" ‘tirando a branco’, do latín album.  De feito, o dicionario da RAG indica para "albar": "Refiriéndose a la tierra, es la ligera y de mala calidad, en contraposición a la negra y pesada, que es la mejor". Cf. aquí.
No entanto, esta interpretación é preciso tomala con reservas, pois o o adxectivo "albar" é aplicado non só a terras, senón a vexetais, co cal podería indicar "lugar poboado dun vexetal albar". O dicionario de Eladio Rodriguez indica que "se aplica a lo que tiene el color más blanco o claro que lo que es ordinario o general, como coello albar, carballo albar, centeo albar, piñeiro albar, toxo albar". Así, atopamos  topónimos como "A Cerdeira Albar" (Trabada),  "A Pereira Albar" (Paradas de Sil) ou "O Carballo Albar" (Porto do Son). Cf. aquí. En efecto, non se pode desbotar a posibilidade de se tratar dun fitotopónimo, mais tampouco afirmala. De feito, este topónimo foi extensamente analizado por Navaza, quen tampouco se decanta por ningunha das alternativas (cf. G. Navaza, "Fitotoponimia_galega").
Alternativamente, para Rivas Quintas (1982: 25) forma parte dos procedentes do indoeuropeo *alb- ‘altura’ (cf. E. Rivas, "Toponimia de Marín". 1982). Porén, esta interpretación non encaixa en moitos "Abares", así o Albares de la Ribera (León) fica na ribeira dun río. 
Por outro lado, no Glossarium de Du Cange recolle a forma medieval albare  ‘estacada, cerca, foso, canle’. Esta acepción podería estar relacionada coa indicada por E. Rivas, e trataríase dunha relación semántica sinxela de algo semellante a "altura" para algo do estilo de "desnivel, terraplén".

En resumo, hai dúas interpretacións máis ou menos plausibeis, porén, cremos que a máis sinxela, a de "terras albares", terras claras, de baixa calidade, debe ser a máis segura, sendo "albar" e "albeiro" aplicados en múltiples ocorrencias neste senso de "tirando a branco", desde vexetais ata pedras de muíño.

ALVITE (San Tomé de Recaré)
De *(uilla) Alviti, forma en xenitivo de Alvitus, nome do posesor medieval da uilla ("explotación agríola"). A orixe deste nome é controversa. Piel e outros asignáronlle orixe xermánica (cf.  p. 129 de J. M. Piel, "Os nomes germânicos na toponímina portuguesa" in "Boletim de filologia", Tomo II), mentres que Kremer ou Meyer-Lübke póñenno en dúbida.
Foi un nome moi común na Idade Media, en particular no século IX (cf. p. 83 de A. Boullón, 1999. "Antroponimia medieval galega (ss. VII-XII)").

AMEIXÓN (O Cadramón)
O nome "ameixón" podería estar relacionado co verbo "ameixoar" ("xuntar as ovellas, as galiñas, etc). O feito de se referir neste caso a un outeiro, parece confirmar esta hipótese.
En efecto, dada a situación en zonas de montaña deste e doutros "Ameixón",  podemos interpretalo coa acepción que indica M. do Carme Ríos en que teña máis ben relación co portugués ameijoar 'reunir o gado'. Igualmente, ameixoar mantén en galego o sentido de "reunir, xuntar" (cf. DdD). En portugués existe a a ameijoada 'pastagem onde o gado passa a noite' (cf. Priberam).

Aínda que menos probábel, tampouco podemos rexeitar a hipótese de, se houber regatos na zona, interpretalo na acepción dada polo dicionario de Luís Aguirre del Río "El acto de dejar en el rio una nasa para pescar" (cf. DdD). 


Por outro lado, a acepción de ameixón como "alevín da anguía" non encaixaría. Ao meu entender, esta acepción vén orixinada polo feito de se atoparen reunidos, xuntos,  os alevíns das anguías (as codiciadas "angulas").

ANDAMIL (O Cadramón)
De *(uilla) Andamiri, forma en xenitivo de Andamirus, nome do posesor  medieval da uilla ("explotación agríola")nome de orixe xermánica

ANIDO (Frexulfe)
O topónimo "Anido" ten unha orixe  na hidronimia prerromana, formado en base a un tema *an(n)-. Este tema  foi estudado por Bascuas (cf. pp. 429-431 de E. Bascuas, "Mondoñedo y Valoría". Estudios Mindonienses 17), que o vincula co radical céltico *an- ‘poza, pantano, lama’, do que deriva o galo anam ‘charco, poza’ ou o topónimo Guadiana (< wadi Ana).

Dada a terminación no sufixo "-ido", abundancial, podería indicar un lugar onde abundan as "pozas", e de feito é o nome dun rego.

Este tema *an(n)- é frecuente na toponimia galega, así Ares(< *an-aris), Ar(< *an-are). É importante notar tamén a existencia do topónimo "Aneiros", que parece confirmar a "anido" como abundancial de "aneiro".  Este abundancial non cremos que sexa de planta, pois -ido non sempre indica abundancial de planta, e.g. "pedrido". 

Cabeza Quiles propón  unha orixe en "ameneiro" > *amneiro> aneiro (do mesmo modo que somnu> sono (cf aquí), non o cremos probable, dada a existencia de topónimos como "Anero" en Cantabria, onde correspondería un **Añero.

Finalmente, cremos que outros topónimos tales como "Anilleiro", "Anilleira" poden ter  tamén a mesma orixe temática.
"Anido" é un topónimo frecuente en toda a Mariña (Mañón, As Negradas, Cangas, Frexulfe). Entre os compostos da mesma orixe podemos reseñar "Sobranido" ("Sobre Anido") en Burela.

ANILLEIRO (O Cadramón)
O topónimo "Anilleiro" non ten que ver co termo castelán  "anilla", senón que comparte orixe con "Anido" e "aneiro" na raíz pre-latina *ann-. Bascuas  liga ese tema *ann- co radical céltico  *an- 'poza, pántano, lama', como o galo anam "poza" ou o topónimo "Guadiana".
Ver "Anido" e "Aneiro" para máis detalles.
Existe outro "Anilleiro" en Muras, e "Anilleira" no Valadouro.

AS BARCIAS (Frexulfe)
Unha barcia é un terreo chan e cultivado, un campo chan (cf. aquí), moitas veces ao pé dun río.  Orixinariamente significaba algo como "terreo de cultivo proximo a río" (cf. aquí.), e despois significou "próxima a río e que se inunda". Descoñecemos estes casos concretos.

Canto á súa orixe, a serie Barcia/Varcia/Barxa foi detalladamente analizada por Bascuas. En efecto, Bascuas pón de manifesto o "absoluto predominio" da documentación antiga como varcena e despois varcia, en canto que a representación con "b" foi excepcional. Por isto e outras razóns, deriva "Barcia" e "Barxa" dunha forma paleoeuropea *war-ki-na, a partir da raíz indoeuropea *war- 'auga'; non lle dá orixe celta, ao non estar tal raíz extendida no celta. Cf. pp. 154-155 de E. Bascuas "Novos estudos de hidronimia paleoeuropea galega", 2014.

AS BOUZAS DE PENA AMIGO (O Cadramón)
Neste caso, en "Pena Amigo", o elemento "Amigo" referiría ao nome do posesor, probablemente derivado do cognome latino Amicus (cf. Kajanto, 1982). 
Alternativamente, poderia vir da mesma orixe, aínda que referindo ao apelido homónimo "Amigo".

AS CABRAS FIGAS (A Laxe)
Unha "cabrafiga",  do latín caprificus, designaba a "figueira brava".
Eran usadas para polinizar as figueiras comúns. Cf. aquí.

AS CARBALLAS (San Xiao de Recaré)
Unha "carballa" é un carballo grande, centenario.

AS CERNADAS (Santa Cruz do ValadouroSan Xiao de Recaré)
Posiblemente de *(agra) cinerata, e significaría "as queimadas", probablemente en relación con as actividades de cavar na rozaCando se cavaba a roza, facían borralladas, que servían de abono, ao queimaren os toxos,etc.

AS CORTIÑAS (Frexulfe)
Do latín tardío cohors, ‘sitio cerrado’, do cal derivou cohortina, ‘cortiña’ (e cohorticulu(m), ‘cortello’). 
As cortiñas son leiras que orixinariamente estaban pechadas, situadas preto da aldea, eidos traballados e estercados nos que se plantan legumes e hortalizas.

AS CURUXEIRAS (Santa Cruz do Valadouro)
Unha "curuxeira" designa, metafóricamente, un "lugar en sitio elevado e con penascos". Cf. aquí.

AS ESTREMAS (Frexulfe)
Unha "estrema" é unha "división, arró, linda".

AS FOLGUEIRAS DE ABAIXO, AS FOLGUEIRAS DE ARRIBA (O Cadramón)
Lugar onde abundan os felgos.

AS GRANDELAS (Budián)
Unha "grandela" é o antigo diminutivo de "granda" ou "gándara". Ver "A Granda".

AS LEAS (Santa Cruz do Valadouro)
Posiblemente de orixe prerromana, da raíz indoeuropea *le-na- 'lene, mol, suave'. 
Estaría relacionado con outros topónimos como  "Ribeiras de Lea" ou o asturiano "Llena". 
Non cremos teña relación co apelativo "lea" 'enfrontamento, rifa', por non ter uso claro para un topónimo relativamente frecuente.

AS QUINTAS (
Santa Cruz do Valadouro)
Sendo plural e nun terreo onde non consta que tivese habido edificacións, non parece que veña de "quinta" no sentido de "casa de campo con herdade arredor", senón que podería ter derivado dunha partilla de finca efectuada a quintas, ou ben dun pagamento de foro consistente nas quintas partes do producido pola finca.
Sería un caso análogo ao de "As Tercias", que é tamén bastante frecuente na toponimia galega.
Rexístranse tamén en moitos outros sitios en Galiza, como e.g. en Mañón e en Burela.

AS RAÑEIRAS (A Laxe)
O termo "rañeira" indica "Terreo pobre, con coio e xabre" "lugar poboado de rañas ou sorbeiras".Relativo a "raña". Ver "rañoas".

AS SAÍÑAS (Vilacampa)
O dicionario define saíña como lugar onde abunda o sal ou se cría o sal. Cf. aquí.
Descoñecemos se este puidese ser o caso.

AS TORNAS (A Laxe)
Os topónimos  "Torna", "Torno" e "Retorno" son de orixe prerromana, cun significado de "chorro de auga",  probablemente derivados da raíz hidronímica prerromana *ter- 'frotar, atravesar'. Estando este topónimo nunha zona de prados, parece confirmar este significado. 
Ver a entrada específica de blogue >>> aquí para máis detalles.

AVIEIRA (O Cadramón)
Lugar onde abunda a avea, ou propicio para o seu cultivo.

BAER 
(Frexulfe)
De *(uilla) Valeriiforma en xenitivo de Valerius, nome do posesor medieval da uilla ("explotación agríola"), nome de orixe latina. 
Alternativamente, de *(uilla) Baderii, dun posesor chamado Baderius, nome de orixe latina.
O máis probable é o primeiro caso, dado que o nome Valerius si está rexistrado en Galiza noutros casos similares, así como na actualidade en territorios cercanos onde non se perdeu o "-l-", tal como en Asturias. De feito, autores como Nicandro Ares, asígnanlle a outros topónimos "Baer" a orixe Valerii, sen se plantexar a segunda alternativa, dada a presencia de múltiples Valeri/Valer e similares. Cf. Nicandro Ares, "Estudos de toponimia galega". Vol I. 2011.  

BANDEXA (Santa Cruz do Valadouro)
O topónimo "Bandexa", presente tamén en Cervo, en Viveiro e noutros lugares, aínda que semelle un significado transparente, moi probablemente non tén relación algunha, senón que se trata dun hidrónimo de orixe prerromana indoeuropea. 
O máis probábel, tendo en conta as razóns dadas por E. Bascuas e outros autores  (V. Cocco ,J. M. Blázquez) para derivar topónimos como "Banduge" ("Bandugium" en 1115, en Mesão Frio), semella que "Bandexa" derive da raíz hidronímica indoeuropea *band- 'gotear' (IEW 95). Cf. p. 51 de E. Bascuas "Aquis Ocerensis .." in ""Paleohispánica", núm 7, 2007 (aquí).

BARBEITA (Moucide)
De "(terra) barbeita". O dicionario define "barbeito" como "terra de labor que se deixa descansar unha tempada sen sementar", ou tamén "terra de secaño".

BARGOS (Budián)
Un "vargo" ou "bargo" é unha laxe ou lousa delgada, por veces usada para separar fincas. Neste caso reflexaría posiblemente unha finca chousada con bargos.

A orixe de "vargo" é prerromana, celta, o mesmo que en castelán várgano 'Cada uno de los palos o estacas dispuestos para construir una empalizada'. No medieval "Liber Testamentorum" da Catedral de Oviedo menciónase "facere sepes et varganos", onde tamén semella indicar unha clase de valado ou palizada.

BERMÚN (Santa Cruz do Valadouro)
De *(uilla) Veremundi, forma en xenitivo de Veremundus, nome do posesor  medieval da uilla ("explotación agríola"), nome de orixe xermánica. 
Tamén podería ser de (uilla) Veremudi, de Veremundus, a través dunha evolución Veremudi *Bermui > Bermún (o fenómeno de nasalización do ditongo neste caso si sería posíbel). 

BERDISCA (O Cadramón)
Posiblemente de "(terra) verdisca", terra de cor que tira a verde.

BREA (San Xiao de Recaré)
Brea pode ter varias orixes e significados. O máis probable é que derive de"vrea" ("verea", "vereda").

BUDIÁN (Budián)
Posiblemente de *(uilla) Butilani, forma en xenitivo de Butila, nome do posesor  medieval da uilla ("explotación agríola"), nome de orixe xermánica.
Está documentado un Butilani no ano 897, probablemente correspondente co actual Budián, no concello de Pantón (cf. Lucensia núm 5).
Para o Budián que nos ocupa, figura atestado en 1124 como "sancta Eolalia de Budulani" : "In terra de Aurio ... sanctus Iacobus de Adelani .. sancta Maria de Baconi sancta Eolalia de Budulani et duas hermidas ..". Cf. (CDMACM) "Colección Diplomática Medieval do Arquivo da Catedral de Mondoñedo ".

CACHÓN (Santa Cruz do Valadouro)
Un cachón é sinónimo de fervenza, augas que caen en cascada.


CACHÓN DO BOIVAL (O Cadramón)
Ver "Penas do Boival".

CADABAL (Santa Cruz do Valadouro)
Un "cadaval" é un lugar onde abundan os cádavos:"toxal queimado no que permanecen os cepos dos toxos en pé". Cf. aquí.

CALVELO (Budián)
Tanto "calvo", "calvelo", "calvela" e "calveira" referen a un lugar sen vexetación arbórea ou arbustiva.

CAMBELEIRO (Budián)
Unha "cambela" é un pau retorto. Por extensión,  un arado antigo. 
Coidamos que referiría neste caso ao alcume dun antigo propietario.
Unha orixe alternativa sería do diminutivo de "camba".

CAMPÓN (Budián, Moucide)
Prado de secano de moita extensión. Cf. aquí.

CAMONDE (Santa Cruz do Valadouro)
De *(uilla) Camundi, forma en xenitivo de *Camundus, nome do posesor medieval da uilla ("explotación agríola"), nome de orixe xermánica. 

CANDAEDO (Budián)
Do latín *candanetum 'garabullal'lugar onde hai "candos" ("garabullos", "guizos").  Cf. aquí. Cf. E. Rivas Quintas (2001).
Existen en Galicia moitos topónimos relacionados:  Candaedo, Candaendo, a Canda, o Candal, Candaoso, Candaosa, etc. En Asturias, León e Zamora existen as formas correspondentes Cándano, Cándana, Candanal, etc.

CANDORCA (O Cadramón)
Este topónimo é relativamente frecuente en Galiza, así atopámolo e.g. en Chavín e no Vicedo. 
O termo "Candorca" probablemente derive de "cand-" + "orca". 
O termo "cando", segundo G. Navaza, designa en xeral "póla seca", "vara para alumar", "pau queimado"(cf. aquí).  Abondan os topónimos "Candaedo" e similares.
Parece derivar dunha raíz indoeuropea *(s)kand-  'resplandecer, brillar',  como no lat. candeo "brillar", "arder". Partindo desta raíz, postulouse un elemento céltico *kando-, e kandanos, do que derivaría "cando". 

A respecto do elemento -orca, Gª de Diego suxeriu que podía ser un adxectivo ‘cóncavo, profundo’, que ocasionalmente adquiría valor sustantivo ‘cova, sima’. Almeida Fernandes relaciona -orca con ‘dolmen’. 
Cf. aquíCremos que, tendo en conta a súa representacion nos topónimos galegos, como "Pandorca", "Candorca", "Cavorca" (=barranco profundo), "Cañorca", "Lamborca", así como en portugueses como "Palorca", tórnase bastante probable ese significado de "sima, barranco".

En concreto, o topónimo "Candorca" parece confirmar que, na maioría destes topónimos, o primeiro elemento é adxectival, e o apelativo é orca: "cand-" tén sentido como 'brillante', e o feito de ir "-orca" en femenino, demonstra que non é sufixo ou adxectivo, pois nese caso, sendo asociada a "cando", sería **candorco.

É importante notar que, con certa seguridade pode descartarse unha orixe no apelativo "candorca" 'orca, cetáceo' e tamén 'muller grosa e suxa': aínda que nun topónimo podería encaixar como alcume, é improbable se temos en conta a relativa frecuencia deste topónimo en Galiza, o cal non semella probabilisticamente aceptable se fose tal alcume. Máis improbable aínda unha vez que vemos a frecuencia dos topónimos en -orca/-orco.

CARGADOIROS (O Cadramón)
O sufixo -doiro, do latín -torium, significa acción ou lugar onde se realiza a acción. Neste caso, lugar onde se realizan cargas.

CASAL (San Xiao de Recaré, Moucide, O Cadramón), CASAL DA COSTA (Frexulfe)CASAL DE DIEGO (Budián), CASAL DO RICO  (Santa Cruz do ValadouroSan Tomé de Recaré)
Casal, do latín casalis, designaba na Idade Media unha propiedade illada no campo, tanto a casa coma as dependencias auxiliares. Máis tarde pasou a referirse a un grupo de casas nunha aldea.

CASCALLEIRA (Frexulfe)
O mesmo que cascabullal, "lugar con cascallo".

CATADOIRO (Budián)
Podería vir de captatorium, ben de "observación" ou ben de "caza". Existe por exemplo  "O Catadoiro" en Vieiro, etc.
Alternativamente, podería ser un termo de orixe prerromana, derivado da raíz *kat-.
Ver entrada do blogue referida a "Pena da Cataverna" para máis detalle.

CAXIGUEIRA DE ABAIXO, CAXIGUEIRA DE ARRIBA 
(A Laxe), CAXIGUEIRAS (O Cadramón)
Ver "A Caxigueira".

CENDEMIL (Santa Cruz do Valadouro)
De (uilla) Sendemiri, forma en xenitivo de Sendemirus, nome do posesor  medieval da uilla ("explotación agríola"), nome de orixe xermánica. 

CERNADELA (Santa Cruz do Valadouro)
Posiblemente relativo a actividades de "rozas". O levar o antigo diminutivo "-ela" indícanos que non é un topónimo de orixe recente, senón posiblemente medieval.
Ver "As Cernadas".

CERRADOS DE PENALBELO (Frexulfe)
O termo "penalbelo" derivaría de "pena albela", onde "albela" é o diminutivo de "alba" ("branca"). Porén, é extraño o paso de "penalbela" a "penalbelo". 
En calquer caso, tampouco se pode descartar para "albelo" un significado e orixe distinta, na raíz indoeuropea precéltica *alb-, "altura, monte".

CHIVADOIRO (O Cadramón)
O termo "chivadoiro", grafía alternativa de "chibadoiro", defíneo o dicionario Constantino García González como "lugar onde se xuntan ou separan os rabaños ao ir ou voltar do pasto. Cf. aquí.

CHAO DE GAMOIDE (Budián)
O termo "gamoide", grafía alternativa de "gamoíde", é o mesmo que "gamoedo", lugar onde abunda a planta chamada "gamón".
Cf. aquí.

CHAO DO SERRAPIO (A Laxe)
O termo "serrapio", é definido por Sarmiento como "apretura entre dúas serras". Cf. aquí.
Hai un "Penidos do Xerrapio" na mesma parroquia, correspondente co mesmo topónimo. O termo orixinal non pode ser "xerrapio" senón este "serrapio": aínda tendo unha terminación "-apio" infrecuente, o topónimo "Serrapio" está rexistrado en cinco concellos das catro provincias galegas, en canto que non se rexistran outros casos "xerrapio".

CHOUSA DE ABILLEIRA (Frexulfe)
O termo "abilleira" é unha grafía alternativa de "abelleira". Ver "A Abelleira".

CHOUSA DO CANTIÑO (Santa Cruz do Valadouro)
O termo "cantiño" é a forma en diminutivo de "canto".  O apelativo "canto" tén varias acepcións en galego; a que ao meu ver máis encaixa na toponimia é a de  "recuncho", "lugar apartado", "saliente", "lado".  Isto é particularmente probable en topónimos como  "O canto do pazo" (Cervo), "O  canto da vila" en Silán (Muras), ou "o canto do prado" no Burgo (Muras).

Hai quen lle dá a esta acepción de "canto" unha orixe celta, pero iso non é máis que unha posibilidade. Corominas asígnalle unha orixe no latín cantus 'llanta de metal', que tería unha orixe extranxeira, talvez céltica en relación co antigo bretón cant 'circo, aro'. No entanto, a partir da forma protoindoeuropea *kan-tho 'recuncho, extremo',  está presente en moitas linguas indoeuropeas, non só celtas, incluíndo o polaco kąt 'ángulo' (< protoeslavo kǫtъ), ou o lituano kampas.

Outra acepción que nalgúns casos podería encaixar é a de "pedra, pedra grande non tallada" presente tamén na maioría dos dicionarios de galego (cf. aquí). Corominas dá por case segura unha orixe céltica (cf. Corominas, DCECH, s.v. canto iii).

O topónimo "Canto" é frecuente en Galiza, incluíndo os derivados Cantelo, Cantiño, Cantón.

CHOUSAS DE ARNELA (Budián)
Ver "A Arnela".

CHOUSAS DE PEIZÁS (Frexulfe)
O termo "peizás" é unha variante de "Painzás". Ver "A Painzás".

CIBEIRAL (O Cadramón)
O termo "cibeiral" indicaría lugar onde abunda a "cibeira", ou propicio para o seu cultivo. O termo "cibeira" deriva do latín cibaria 'víveres, alimentos', plural de cibarium 'alimento', 'fariña groseira', e significa "grao que serve para alimentar o gado" (cf. J. Corominas & J. A. Pascual, "Diccionario crítico-etimológico castellano e hispánico").

Por outro lado, tamén poderíamos interpretalo como deturpación de "Aciveiral", topónimo frecuente, que atopamos por exemplo en Mañón ou en Muras. A deturpacion por aférese do a- inicial é relativamente frecuente na linguaxe popular en galego, moitas veces por ultracorrección de pretendidos vugarismos (arradio, arroubar, ..). Con todo, esta interpretación semella menos plausible, pois o termo Cibeiral está atestado de antigo, así atopamos "Civeira in Mindonedo" no Tombo de Oseira no ano 1200 (cf. Lucas Álvarez).

COCHÓN (O Cadramón)
O termo "cochón" pode significar "pedazo de terreo labradío de certa extensión". Tamén pode vir de alcume despectivo, aumentativo de "cocho" ("porco").
Tamén pode ser unha deturpación de "cachón" (fervenza), aínda que descoñecemos o lugar.
Existe outro "Cochón" no viciño concello de Xermade.

CONDOMIÑAS (O Cadramón, Vilacampa)
Terras en condominio, do latín condominia: terras cuxo dominio é compartido entre varios donos.

CONGOSTRA CEGA (Budián)
Na toponimia galega abundan as "congostras", camiños angostos, entre valados ou ribazos, escavados no terreo, e estreitos, para paso de xente ou carros. Pode ser sinónimo de "corgo". Esta palabra vén do latín congusta, "estreita". Cf. aquí
Canto a "Cega", podería indicar que está pechada na parte fondal, cremos máis ben que se trata dun hidrónimo de orixe prerromana, tal como se explica de seguido.
Podería pensarse no adxectivo "cega", do latín caecam, no senso de fonte "atascada, atrancada, tapada". 
No entanto, é un caso infrecuente demais para todas as fontes e ríos "cegos" que atopamos. ademais de en Mañón, atopamos "Fonte Cega" en Fazouro, Cangas, Nois, San Martiño de Mondoñedo, así como outra "Congostra Cega" en  Barreiros, ou o "Rego Cego" en Cordido.
Tendo en conta esta frecuencia en hidrónimos, e soamente en hidrónimos, semella probábel unha orixe distinta.
O filólogo E. Bascuas estudou este caso, aportando unha razón máis: no caso do "río Cego" (Valladolid) non ditongou en **Ciego, proba de ter unha orixe distinta.
En efecto, E. Bascuas interpretou estes hidrónimos como de orixe na forma prerromana *kei-ka, provinte da raíz indoeuropea *kei- 'cor' (xeralmente escura), ou *kei- 'mover, moverse'. Cf. páx. 272 de E. Bascuas "Novos estudos de hidronimia paleoeuropea galega", 2014.

CORTEGAZA (O Cadramón)
Do latín corticacea, "cabana feita con cortizas" (paneis de sobreira).
En Portugal existe o mesmo topónimo coa grafía "Cortegaça". Co mesmo sufixo figuran moitos outros apelativos con ese significado do material de orixe, así hai "Colmaça" ‘casa tellada con colmo (palla longa do centeo)’, "Bergaço" ‘construción feita con varas (trenzadas)’, do latín virga,  "Taboaço" ‘[construción] feita con táboas’. Tamén está documentado en 1524 "moradas palhaças', construcións telladas con palla. Cf. aquí.

CORTIÑA (Budián, O Cadramón, O Valadouro)
Ver "As Cortiñas".

CORUXO (Moucide)
Probablemente non referido á ave "coruxo" senón derivado do tema prelatino *kor- / *kar- "monte, altura". 
Cabeza Quiles deriva estes topónimos do tema prerromano *kar- 'pedra, zona rochosa'. Cf. F. Cabeza "Os nomes de lugar", 1992.

CORVELLE (O Cadramón)
Nome derivado de *(uilla) Corvilii, forma en xenitivo de *Corvilius, nome do posesor medieval da uilla ("explotación agríola"), nome de orixe latina.  Cf. J. M. Piel "Nomes de ‘possessores’ latino cristiãos na toponímia asturogalego-portuguesa". 1947.

COTO DA GROITEIRA (O Cadramón)
O termo "groiteira" é de significado e orixe incertas.
Podemos aventurar unha orixe paleoeuropea (é dicir, precelta) no tema *gur- ou *gwor,  derivado da raíz indoeuropea *gwer- "tragar". 
Sendo o tema *gur-, podería ter unha idea de "sima", que sería preciso contrastar localmente.
Destes temas *gur-/gwor- deriva Bascuas os topónimos Gurita (Ordes), Gorita (Paderne),   Guritas (A Pastoriza), etc. Cf. E. Bascuas "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega". 

COTO DE SENDÍN (Santa Cruz do Valadouro)
O topónimo "Sendín" proviría dun cottu Sendiniforma en xenitivo de Sendinus, nome de orixe xermánica, da raíz Sinth 'camiño, expedición'. Cf.  p. 342 de J. M. Piel, "Os nomes germânicos na toponímina portuguesa" in "Boletim de filologia", Tomo VI.

Por falta de documentación antiga, tampouco podemos desbotar que se trate dun topónimo non medieval senón moderno, formado a partir do apelido Sendín, e indicando por tanto o apelido dun antigo posesor deste coto.

COTO DE VAO (Santa Cruz do Valadouro)
Ver "Vao".

COTO DOS PIAGOS (O Cadramón)
O termo "piago ou "peago", do latín pelagus, é unha poza profunda de auga, xeralmente nun río.
En efecto, este termo é definido por Piel como "sítio fundo do mar ou de um rio". Cf. p. 323, J. Piel "As Águas na toponímina galego-portuguesa" in "Boletim de filologia", Tomo VIII, 1945.

COTO FONTAU (O Cadramón)
O nome  posiblemente  derive de (cottu) fontanu, derivado de fons "fonte". Cf. Moralejo Lasso. "Toponimia gallega y leonesa".
Outra posibilidade sería derivado dun posesor chamado Fontanus (cf. Cabeza Quiles).

COUSO (Frexulfe)
Un "couso", do latín medieval causu, é un sitio coutado, para actividade específica, que pode ser: un foxo para caza de alimarias, aínda que tamén tén as acepcións de "sitio para facer cacería, xustas" e a de "horta pequena".

COUTOMIL (Frexulfe)
Formado a partir do medieval *Cautu Miri, forma en xenitivo de Mirus, nome de orixe xermánica. Indica, por tanto, que este couto pertenceu a un posesor medieval chamado Mirus.

COVA DE TAN (O Cadramón)
O mesmo que "A Cova de Atán".

CRUZ DE MONTEIRO (Frexulfe)
En xeral "monteiro" significa "persoa que participa nunha cazaría no monte, encamiñando a caza cara onde se atopan os cazadores" (cf. aquí), aínda que dun punto de vista histórico referiría “o cazador especializado que guía unha montaría”. 
No entanto, neste caso de "Cruz de Monteiro", tampouco podemos descartar que se trate do apelido ou alcume, máis aínda  ao non ser "do Monteiro" senón "de Monteiro".


As montarías eran comúns no rural e, en particular, as batidas de lobos, xeralmente dirixidas por monteiros profesionais,  foron comúns e recorrentes desde a Idade Media ata o século pasado. En efeito, un número nutrido de persoas corría o monte batendo sobre o chan e o mato para asustar e acosar o lobo, polo xeral conducíndoo para un un foxo. Na Idade Media, o monteiro costumaba ser un experto cazador local que tiña encomendada a organización de batidas comunais contra lobos e feras salvaxes que ameazaban o gando. Nalgúns casos, o monteiro exercía a súa profesión sen exclusividade, asinando contratos con señores, aldeas e mesmo parroquias enteiras.  Cf. A. Reboreda, 2009. "Espazos lupinos de Galicia: os foxos do lobo" (cf. aquí).

CUBELA (MoucideO Cadramón)
Grafía alternativa de "covela". Unha covela, termo orixinariamente derivado como diminutivo de "cova",  designa un "pequeno vale cóncavo formado na converxencia de dúas encostas peadas de monte". É un termo similar a "cale" ou "cal".

CUCHAREGO (FrexulfeO Cadramón, Valadouro)
Podemos interpretalo como derivado de "cocho", co sufixo -ego, do mesmo modo que "lamego" de lama, "Navego" de navia, "Balsego" de balsa, etc.
O dicionario de Carré define cucharego como “leira pequena dedicada a leña ou a prado” (cf. aquí).
Este topónimo debeu ter vitalidade como apelativo, pois está rexistrado na maioría dos concellos da comarca, como en Alfoz, Barreiros, no Valadouro, no Vicedo, en Muras. 

ESBEDRIDO (Budián)
Grafía de "esvedrido", lugar onde abundan os esvedros (cast. madroño).

ESCOURA (VilacampaO Cadramón)
A escoura é una substancia vítrea que se forma durante a fusión dos metais e contén as impurezas.
En particular, materia que se desprende do ferro ao traballalo na forxa.
Tamén pode referir a "pedra da cor do ferro".

ESCOURIDO (Budián)
O mesmo que "escouredo", terreo onde abunda a "escoura" (pedra de cor do ferro, ou "residuo de carbón e ferro"), e tamén, por extensión, "terreo malo e improdutivo pola abundancia de pedras" (cf. "escouredo").

ESQUEIRA (San Tomé de Recaré)
En xeral, "esqueira" é sinónimo de "escada". 
En particular, o cal será este caso, unha "esqueira" é unha escada rústica que se fai nos cómaros con pedras salientes ou pequenos foxos nos comareiros.

ESTIBADA (O Cadramón)
Ver "A Estibada".

ESVIDREIRA (Frexulfe)
Lugar onde abundan os esvedros (cast. madroño).

FERREIRA DO VALADOURO (Ferreira)
Con respecto a "Ferreira", provén do latín ferraria '‘mina de ferro'.
Canto a Valadouro, é un termo composto de "Vale do Ouro", do río Ouro. Ver "Río Ouro" para máis detalles.

FERROCENTE 
(O Cadramón)
De *(uilla) Ferrocinctiforma en xenitivo de Ferrocinctus, nome do posesor medieval da uilla ("explotación agríola")
Este nome, de orixe latina (de ferro-cinctus 'ferro cinxido'), aparece como "Ferrocinto" na documentación altomedieval galega (cf. p. 211 de A. Boullón, 1999. "Antroponimia medieval galega (ss. VII-XII)").

FOLGUEIRAL (O Cadramón)
"Lugar onde abundan os felgos".

FOLGUEIROSA (FrexulfeO Cadramón)
"Lugar onde abundan os felgos".

FONTE DA AMOSA (San Xiao de Recaré)
O topónimo "Amosa" é un topónimo de orixe prerromana, e inclúe o coñecido radical hidronímico indoeuropeo *am- ‘canle, suco, cavar’, do cal Krahe relaciona un bon número de ríos europeos. 
Este topónimo "Amosa" foi estudado explicitamente por E. Bascuas, coa interpretación indicada (cf. p. 220 de E. Bascuas "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega").
Hai outras "Amosa" en Cabreiros, en Galdo (Viveiro), en Camanzo, en Ollares, no concello de Vila de Cruces (Pontevedra), en Moeche (A Coruña), etc.

FONTE DA CROA (O Cadramón)
Ver "A Croa".

FONTE DAS GRANDAS (O Cadramón)
Ver "A Granda".

FORCADA (Ferreira)
Termo relativo a unha bifurcación (de río, camiño, cordal). 
É un topónimo relativamente frecuente en Galiza (con formas como "Forcada", "Forcadela", "Forcadiña"), polo que non pode ser referido ao aparello "forcada" ou "forqueta", pois sería un topónimo anecdótico e non encaixaría con esa frecuencia.

FREITEMUNDE (Budián)
De (uilla) Frethemundi, forma en xenitivo de Frethemundus, nome do posesor medieval da uilla ("explotación agríola"), nome de orixe xermánica. 

FREIXA (O Cadramón)
Unha "freixa" designa unha "fervenza, cadoiro".  Tén outra acepción, que é a de "freixo". Cf. aquí.
Descoñecemos abondo a orografía do lugar para poder escoller unha das dúas acepcións. 

FREIXEIRA (Santa Cruz do Valadouro), FREIXIDO (Frexulfe)
Os termos "freixido" e "freixeira" son sinónimos e indican un lugar onde abundan (terían abundado) as árbores chamadas "freixos".

FREXULFE (Frexulfe)
De *(uilla) Frogiulfi, forma en xenitivo de Frogiulfus, nome do posesor medieval da uilla ("explotación agríola"), nome de orixe xermánica (de Frauja 'señor' e wulf 'lobo').  Cf. J. M. Piel, "Os nomes germânicos na toponímina portuguesa" in "Boletim de filologia", Tomo III. 

GALOI (Frexulfe)
De *(uilla) Galloni(i), forma en xenitivo de Gallon(i)us, nome do posesor medieval da uilla ("explotación agríola")

GATOI (Santa Cruz do Valadouro)
De *(uilla) Gattoni(i), forma en xenitivo de Gatton(i)us, nome do posesor medieval da uilla ("explotación agríola")

GONZALVO (Frexulfe)
Nome de casa illada. Dun antigo posesor chamado Gonzalvo ou Gonçalvo, nome de orixe xermánica.

GRADAÍLLE (Santa Cruz do Valadouro)
De *(uilla) *Withragildi, forma en xenitivo de *Withragildus nome do posesor medieval da uilla ("explotación agríola"), nome de orixe xermánica. 
Este topónimo está atestado na Idade Media, tal como recolle un estudo de Cossué (cf. blog Frornarea aquí), quen recolle a atestación medieval do Tombo de Lourenzá relacionada ".. Villa in Aurio, Uitragilde inter Sancta Cruce et Sancti Tome (...) alia uilla in Aurio, Villa Uitraylldi, integra ...".

GRANDA (Budián, Moucide)
Ver "A Granda".

GRANDISCA (Frexulfe)
Probablemente derivado de "granda" ("gándara"), Ver "A Granda".

GRANXO (Moucide)
O dicionario rexistra a acepción de "granxo" como "finca cercada e adicada polo xeral a monte". Cf. aquí.

GRUÑIDE (Frexulfe)
Pertencente ás formas abundanciais en -ide, que se preservan en topónimos, con exemplos no concello de Xove como Cardide, Cornide, Mexilloíde.
Neste caso sería o mesmo que "gruñido",  "lugar onde abundan os gruñeiros". Un "gruñeiro" está rexistrado en Ourense como "lodeiro", lotus.

GÜÍN (Moucide)
De (uilla) Godini, forma en xenitivo de Godinus, nome do posesor medieval da uilla ("explotación agríola"), nome de orixe xermánica. 

IBIA (O Cadramón)
Este topónimo, é un hidrónimo de orixe prerromana. Foi estudado, entre outros, polo filólogo E. Bascuas, quen sen dubidar da súa orixe paleoeuropea, indica que podería derivar dunha das raíces indoeuropeas *ei- 'ir' ou, seguindo a Carlos Jordán Cólera, dunha raíz hidronímica *ib-/*ub-/*ab- 'auga'. Cf. p. 370 e ss. de E. Bascuas, 2014. "Novos estudos de hidronimia paleoeuropea galega".

Similarmente  atribúe García Arias para o asturiano "Ibias" como hidrónimo de orixe prerromana, indicando 'río, corrente de auga', que xa está atestado con ese nome no século X (cf. X. L. García. "Toponimia asturiana. El porqué de los nombres de nuestros pueblos"). 

É interesante notar a existencia en aragonés e en gascón do apelativo "ibón"  'cavidade a modo de lago onde se acumula gran cantidade de auga' (cf. aquí M. Selfa, "Toponimia del Valle Medio del Ésera (Huesca). Estudio lingüístico y cartografía").
A relación entre "ibia" e "ibón" semella plausible: as terminacións "-ia" e  "-ón" son  típicas na hidronimia de orixe paleoeuropea (cf. E. Bascuas, 2002. "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega").

Os termos "Ibia" e "Ibias" non son infrecuentes na toponimia galega, así na bisarra hai "Rego da Ibia" en Oiras, "A Ibia"  en Barreiros, "Ibia"  en Alfoz.

LAMESTRA (Moucide)
O termo "lamestra" é derivado de "lama", de orixe prelatina. Nestes casos "lama"  ten o significado de "terreo de pastos para o gado". O sufixo -estra, correspondente co sufixo latino -astra, con significado pexorativo.
É un termo relativamente frecuente na toponimia galega, así, encontramos "A Lamestra" en Vieiro (Viveiro) e en Burela, e As Lamestras en Morás.

LAMIGUEIRA (O Cadramón)
Unha "lamigueira" designa un "lugar onde abunda a lama". 
Tén outra acepción, menos probable para un topónimo, de árbore "lamigueiro", tamén chamado "lodeiro", "lotus", ou tamén o populus alba, o álamo branco ou o álamo negro.

LOBEIRA (Budián)
O nome "lobeira" indica "sitio, gorida de lobos". Cf. aquí.

LODEIROS (Santa Cruz do Valadouro, Budián)
O nome "lodeiro" tén dúas acepcións:
  • Lameira, terreo con lama
  • Árbore tamén chamada "lamigueiro", "lotus".
Cf. aquí.
Cremos que nestes casos está relacionado coa primeira acepción, de "lameira". No caso de Budián, sendo unha zona de prados, parece máis seguro aínda.

LÓNGARA (Frexulfe)
O termo "lóngara" significa "terreo de forma alongada", 

LOURIDO (Moucide)
Lugar onde abundan os loureiros.

MAGOI (San Tomé de Recaré)
Posiblemente derivado dun antropónimo, dun (uilla) Malaconii, forma en xenitivo de *Malaconius, nome prerromano. Esta é a interpretación de Nicandro Ares, para o caso do Magoi do concello de Lugo, e semella a máis probable tal como comentamos a continuacion.
Aínda que a orixe deste termo é incerta. Os topónimos con terminación en -oi poden remontarse a unha das seguintes tres orixes: dun elemento *-oi de orixe xermánica, da evolución dunha terminación latina en xenitivo -oni, ou a partir dun sufixo prelatino.
O topónimo "Magoi" xa foi estudado por Piel e Kremer, que postulaban como hipótese *Amalagodi, referido ao antropónimo xermánico *Amalagodus. Porén, parece moi improbábel a conservación do -g- intervocálico. Nicandro Ares refere ao topónimo "Magoi" en Lugo, para o cal se conserva documento de 1068 que o refere como Malaconi. (cf. p. 843 e ss. de N. Ares "Estudos de toponimia galega". Vol II. 2011).
Tendo en conta todo o anterior, e sen atoparmos unha hipótese fiábel en antropónimo xermánico ou latino do que derivalo, semella probable a interpretación de N. Ares, para o caso do Magoi do concello de Lugo, derivándoo dun antropónimo de nome prerromano cunha forma en xenitivo de *Malaconius. Porén, tamén podería ser *Malaconus ou aínda *Malaco
Segundo Edelmiro Bascuas,  podería ter a orixe na raíz prerromana *mel- 'saír, elevación, curvatura, ribeira', de carácter hidronímico, presente en múltiples topónimos peninsulares como Malagón (Viveiro), Málaga, Mos (de Malones, en Castro de Rei), ou os numerosos ríos Malo e Mao (cf. p. 83 de E. Bascuas "Hidronimia y léxico de origen paleoeuropeo en Galicia". 2006).

MANSIÁN (A Laxe)
Derivado de (uilla) Mansilani, forma en xenitivo de Mansila, nome do posesor medieval da uilla ("explotación agríola"), nome de orixe xermánica.
Este topónimo foi estudado por J. M. Piel, que o interpretou coa orixe indicada, indicando que, aínda sendo de orixe xermánica, estaría formado coa raíz *mans- derivaría do adxectivo latino mansusCf. p. 39 de J. M. PIEL, "Os nomes germânicos na toponímina portuguesa" in "Boletim de filologia", Tomo V. 

MERCURÍN (San Xiao de Recaré)
Este topónimo foi estudado por J. M. Piel, que o deriva de (uilla) Mercurinii, lugar dun posesor chamado hipocorísticamente Mercurinus, de Mercuriusnome de orixe latina. Cf. J. M. Piel, 1984, "Novissimas achegas à história da tradição antro- toponomástica mais antiga latina no noroeste galaico", Verba 11. Cf. aquí.
Existe un topónimo relacionado, "Vilamarcol" en Magazos (Viveiro), de uilla Mercurii.

MOMPODRE (Budián)
De "Monte Podre". Existen varios montes chamados Mompodre no Norte da Península, tal como os Picos de Mompodre en León. Existe tamén un "Peña Podre" en Asturias.
O significado e orixe de "podre" neste contexto son incertas. Descoñecemos o encaixe no topónimo do significado obvio de "en estado de descomposición", do latín putris, sobre todo ao existiren tantos "Mompodre" non parece vir dese apelativo casual. 

MONTE DA ESCULCA (Vilacampa)
O termo "esculca" significa "acexo", "espreita", acción de vixiar. Sería por tanto un monte usado de atalaia.
Neste monte atopamos o "Penido da esculca", que sería o lugar concreto do monte desde onde esculcaban.

Xa dicía Sarmiento: "Esculca, escucha y espía significan lo mismo"..."La voz Esculca es común a varios sitios de Galicia que están en alto y de donde se registra mucho país." Cf. aquí.

MONTE DE BARALLA (Budián)
Este topónimo ten un significado e unha orixe controversa. 
No galego medieval, e aínda conservado, "baralla" tiña o sifnificado de "rifa, disputa".  
O profesor Bascuas tamén a trata parcialmente, asignándolle este significado de "rifa", polo menos no caso de "Baralláns". Cf. aquí.

En Galiza existen "A Baralla", "As Barallas", "Baralloca", "Baralloá", "Baralló", o que demosntra que era un apelativo de uso común antigamente. Hai quen explica "Baralla" polo frecuente uso na toponimia deste apelativo para denominar certas paraxes con nomes deste estilo, por seren lugares onde xurdiron litixios pola súa propiedade ou usufruto. Porén, parece haber excesivos topónimos "Baralla", e semella unha excesiva cantidade de "rifas". 

Segundo M. Pidal, derivaría de varalia 'sebe de varas'. 
Cf. aquíEsta etimoloxía alternativa parece encaixar máis cun topónimo relativamente frecuente en Galiza.

MONTE DE COUCE (Vilacampa)
O termo "couce" ten múltiples acepcións. Nestes casos de montes viría de calce  "calcañar", e designa por analoxía un "sitio de forma semicircular que remata en terraplén ou baixada pronunciada". 

O topónimo couce aparece con frecuencia cun sentido topográfico de ‘fondal’, “base de monte” (cf. E. Rivas, "Lingua galega, historia e fenomenoloxía". 1989). 

MONTE DE LAPIDE (Budián)
Un "lapide" sería o mesmo que "lapedo", "lugar onde abundan as lapas". 
O significado e etimoloxía de "lapa" é incerto, posiblemente dunha raía prerromana *lapp. En portugués, "lapa" designa "cova", ou "laxe que, sobresaindo, forma debaixo de si un abrigo natural". Cf. aquí.

MONTE DO CATADOIRO (San Xiao de Recaré)
Ver "Catadoiro".

MONTE DO CEIBALLÓN (A Laxe)
Ver "Os Ceiballós".

MONTE GRANXO (Moucide)
Ver "O Granxo". 

MONTES COSTOIA (Frexulfe)
Probalemente do latín custodia, cun significado similar a "atalaia", "posto de observación" 
Hai varios topónimos con este nome en Galiza, así como "costoira", estes últimos cremos derivan de custodiaria. Cf. >> esta entrada de blogue para máis detalles.

MONTES DO MORGALLÓN (Moucide)
O topónimo "Morgallón" é posiblemente de orixe prerromana.
Existen varios "Morgallón" na xeografía galega, tal como en Fazouro,  nas Negradas (O Vicedo), nas Neves (Pontevedra) e no concello da Coruña. 

Podería estar relacionado coa raíz prerromana *mor(r)- , relativo a "pedra", referidos como de orixe preindoeuropea, tal como ocorre coa palabra "morea". 
Outra alternativa sería a raíz prerromana *mar- / *mor- ("auga detida")
Existe un "Morgal" en Salas, Asturias, e un Morgovejo en León, documentado "Mogrovelio"en 921 (cf. aquí).

MOUCIDE (Moucide)
Etimoloxía e orixe incertas, posiblemente de orixe prerromana. 
Figura nun documento de 1128 como "S. Stephanus de Moucido" (cf. aquí). Esta evolución de Moucido > Moucide,  é relativamente frecuente na zona,  a mesma que se dá en topónimos como "Mexilloíde".
Pode, por tanto, interpretarse como contendo o sufixo abundancial -ido, indicando nese caso a abundancia dun "mouzo", "mouco", ou similar, termo non identificado.
Existe outro "Moucido" en Piñeiro (Mugardos). Tamén existen os topónimos posiblemente relacionados  "O Moucillón" (Riotorto), así como "Os Moucillois" (As Nogais), "Moucillós" (Sarria).

MUÍÑO DE GOMERSO (A Laxe)
Muíño dun antigo propietario chamado "Gomerso", derivado de "Gumersindo".

MUXILÁN (Moucide)
Podería ter derivado de *(uilla) Mugillani, forma en xenitivo de Mugilla, nome do posesor medieval da uilla ("explotación agríola"), nome de orixe xermánica. 
Porén, non é máis que unha hipótese, ao non dispormos de documentación antiga que o demostre.
Por outro lado, Carlos Búa interprétao como antropónimo posiblemente céltico, dun composto cun primeiro termo derivado de *mago 'grande' ou *mago 'campo' e un segundo termo derivado de plano 'chan' (cf. C. Búa. "O Thesauro Palaeocallaecus", in Verba Anexo 58).

NARASEIXO (Moucide)
Ver "O Naraseiro", que é a forma alternativa coa que son referenciados esta mesma zona de prados.

NAVALLO (Santa Cruz do ValadouroSan Tomé de Recaré)
O termo "navallo" deriva de "nava" (chaeira rodeada de montes), do mesmo modo que se rexistra o topónimo "Os Covallos", derivado de cova. 
Este apelativo aínda fica vivo en portugués, na zona de Trás-os-Montes, onde  "navalho" é un "pedaço de terreno húmido entre as searas que se não cultiva para que dê erva", e tamén o salmantino "navazo" 'valle pantanoso', así como o aragonés "navajo" 'balsa para el ganado'.
Hai cerca outro "Os Navallos" en Boimente e outro en Riobarba.

O ALBARDO (O Cadramón)
Posiblemente derivado de Aroaldus, nome de orixe xermánica. Así está documentado no caso de Albarde en Atán (Pantón).

O AMALLÓ (A Laxe)
Posiblemente co significado de "viña, bacelar". Do latín malleolus, "pequeno martelo", "chanta de vidra cortada en forma de martelo". Cf. aquí.

O BARGANZO (Frexulfe)
Orixe prerromana incerta. Talvez relacionado co prerromana "barga". Hai quen o califica como grafía alternativa por "berganzo", do céltico *brigantiom, orónimo indicando lugar elevado. Cf. aquí.

O CALDEIRÓN (Budián)
Indica un lugar entre rochas onde se xunta a auga da chuvia. Deriva de "caldeira", 'canle para regar as terras', e esta de "cal" (canle), do latín canale.

O CALVARIO (Budián)
Posiblemente referidos á existencia de tres cruces, ligadas ao culto do Via Crucis.

O CHAO DA RAÑA (Frexulfe)
Unha "raña" costuma ser un lugar pelado e pedregoso. No dicionario figuran dúas acepcións de "raña" que encaixan como topónimo: o de "terreo alto e de monte pobre", e o de     "rápido desnivel no leito dun río de fondo pedregoso". No caso que nos ocupa parece máis axeitada a primeira acepción.

O sentido topónimico, en opinión de Menéndez Pidal, sería "sitio raído ou arrastrado pola acción erosiva das augas o por un desprendimento de pedras".

E. Rivas e outros suxeren para o topónimo unha raíz prerromana *ra-, *ro-, que daría lugar a unha familia de palabras relacionadas con "rañar", "arrasar", etc. Cf. E. Rivas "Toponimia de Marín".

Cf. aquí e aquí para unha discusión máis ampla.

O BATÁN (A Laxe)
O termo "(muíño do) batán" deriva do latín battere 'bater, golpear'. 
Os antigos batáns de auga eran dispositivos destinados á operación de abatanar ou bater os panos ou teas de lá ou liño fabricadas nos teares caseiros. O batido era feito por dous mazos hidráulicos. O tecido era batido para desengraxalo e darlle corpo; ficaban ao pé dos ríos e ao funcionar facían gran ruído.

O BURGO (Vilacampa)
Do xermánico burg ''fortaleza, castro', do cal pasou para o latín. 
Na Idade Media nomeaba un núcleo formado arredor dun castelo ou dunha
cidade amurallada, para designar, posteriormente, unha aldea ou vila pequena, dependente doutra maior ou máis importante, que ficaba próxima (cf. "Gran Diccionario Xerais da Lingua". 2000). 

O CANEDO (San Tomé de Recaré)
Lugar onde abundan as "canas" (canaveiras).

O CARBALLO DA VARA (O Cadramón)
O topónimo "vara" é de orixe prerromana. E. Bascuas e outros autores derívano da raíz hidronímica indoeuropea *awer-, 'auga, mollar, chover, fluxo'. Cf. p. 91 de E. Bascuas "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega".

O CARRAGAL (San Xiao de Recaré), O CARREGAL (Vilacampa)
Indica abundancia da planta camada "carrizo". Algunhas veces pode ser relativo a outra planta, o "carrasco".

O CATADOIRO (San Xiao de Recaré)
Podería vir de captatorium, quer no sentido de "observación" ou no de "caza". Tamén podería ter unha orixe no elemento prerromano *kat(t)-Véxase  >>> entrada do blogue para outras interpretacións.
Existe "Catadoira", por exemplo en Galdo, "Os Catadoiros" en Mañón, etc.

O CAXIGAL (Frexulfe)
Lugar onde abundan as árbores chamadas "caxigos".

O CHAO DAS LAGORZAS (Budián)
O termo "lagorza" deriva de "lago", e refere un lugar encharcado.

O ESCALLAL (Frexulfe)
Probablemente indicando un abundancial de "escallo",  "lugar onde abundan os escallos". O termo "escallo" é definido nos dicionarios como "chantón, enxerto".
Alternativamente, tamén se rexistra "escallo" como derivado do baixo latín squalidus, 'áspero, erizado, rugoso', 'inculto' (de squalere, 'estar en barbeito'). Designaría, por tanto, un terreo ou lugar que non foi comprado senón apropiado por estar abandonado, quer por non ter dono ou por estar inculto.  Cf. aquí. E. Rivas tamén menciona esta orixe en "Natureza, Toponimia e fala". 2007. No entanto, esta segunda interpretación non parece encaixar neste topónimo en -al, forma abundancial, 

O ESCORIAL (San Xiao de Recaré)
A falta de documentación que o probe ou dea outra orixe, interpretámolo como "escoiral", lugar onde abunda a "escoura".

O ESTELEIRO (O Cadramón)
Significado incerto. 
Podería vir de "estela" 'acha' (cast. astilla), talvez cun significado similar a 'lugar a onde se vai recoller leña', tal como se rexistra en Asturias para o termo análogo. Cf. aquí.
Alternativamente, significado similar ao portugués "estaleiro": un terreiro, un espazo de terra amplo, e despexado. Existe outro "esteleiro" nas Ribeiras do Sor (Mañón), tamén lonxe da costa para referirse a un "estaleiro".

O FOXO (O Cadramón)
O apelativo "foxo" vén do latín  fovea, e indica unha furada, un furado grande. Moitas veces os foxos eran trampas para lobos e outras alimarias. En efecto, o uso máis frecuente de foxo estaba ligado á caza. Di Viterbo: "era e é o fojo uma cova funda e redonda para tomar lobos e outras feras".
Os "foxos" para a caza de lobos e outras alimarias eran de responsabilidade comunal. Nun documento  de 1623 o Corrixidor asinaba unha orde de prender a Xoán Martínez, veciño de San Pantaión e Luís Dapena, labrador de Riobarba, por non acudiren a pechar o foxo.  Os veciños tiñan o labor "desde muchos siglos a esta parte, el remontar, correr y exterminar los muchos osos, lobos, jabalíes y otras fieras igualmente nocivas que se propagan en las montañas de aquella inmediación para impedir los estragos que solían causar no solo en los sembrados, sino en los ganados y poblaciones” (Torrente; 1999) (cf. aquí)

Non se debe confundir "foxo"  con "foso"("foxo" = port. fojo, cast. hoyo, en canto que foso = port. fosso, cast. foso) .

O LEIRADO (Frexulfe)
Derivado de "leira", posiblemente nun sentido de "terreo dividido ou convertido en leiras". 
Os dicionarios non recollen acepción que encaixe na toponimia. O significado podería estar relacionado co que recolle Constantino García (1985) para "leirada": 'trozo de monte de boa calidade' (cf. DDD).

O LIMPADOIRO (Vilacampa)
Un limpadoiro ou alimpadoiro é definido no dicionario como 'o sitio onde se efectúa a operación de limpar a gra, que é polo xeral, una eira, un arredor, etc., onde corre sempre o vento' (cf. DDD). 

O MACHUCO (Budián, Valadouro)
Diminutivo de "macho". Neste contexto, a acepción do termo "macho" correspondería co latín marculum 'martelo pequeno', probablemente referido a un martelo hidráulico, movido pola forza do río (de feito, está nunha zona de prados). 
Pódese descartar a orixe na palabra masculum 'persoa de xénero masculino', pois tería pouco encaixe nun topónimo.

O NARASEIRO (Moucide)
Probablemente derivado da forma prerromana *nar-,  derivada da raíz indoeuropea *ner- ‘penetrar, mergullar’ (IEW 766), frecuente na hidronimia. De feito, neste caso trátase dunha zona de prados.
Tamén é chamado "Naraseixo", aínda que semella máis probable que "Naraseiro" sexa a forma orixinaria, por semellar composto coa forma *seir-, tamén presente en hidrónimos.
Esta raíz figura en moitos outros topónimos galegos, como "Os Naraís" en Mañón, ou os coñecidos Narón, Naraío (afluente do Xubia e lugar de San Sadurniño), Neira (< Naria). Tamén en León atopamos Camponaraya, que referencia ao río Naraya.

O PÉ DE AROSA (Moucide)
Tanto Gonzalo Navaza (2006) como Martinez Lema (2010) explican "Arosa" a partir do latín hederosa, abundancial de hedera 'hedra'.  Cf. aquí aquí. Tería evoluído de hederosa > eerosa > arosa. Así, Lema (quen recolle tamén este "Pé de Arosa" do Valadouro) cita o antropónimo "Froyla de Heerosa", que aparece nun documento sen data do Tombo de Toxos Outos, para o cal identifica "Heerosa" co actual "A Arosa", unha aldea da freguesía de S. Cristovo de Mallón, no concello de Santa Comba (cf. P. Martinez, 2012.  "Toponimia, etimoloxía e fontes documentais: os exemplos de Arosa e Brens").
Alternativamente o topónimo  "Arosa", o mesmo que no caso de "Aro", estaría relacionado coa raíz hidronímica prerromana *ar-, presente en moitos ríos europeos, e en particular en moitos "rego de Aro" da comarca.
Ver a entrada específica de blogue >>> aquí para máis detalles.

O PORMAIO (Santa Cruz do Valadouro)
Posiblemente derivado de "Porto maio", existindo un "Porto Maio" no concello de Aranga. O termo "porto" pode referir tanto a "paso de montaña" como a "pasadoiro dun río".
Descoñecemos o significado de "maio" neste contexto.
Alternativamente, tamén podería derivar de "Pe(d)ro Maio". 
Tamén existe outro "Pormaio" nas Grañas do Sor (Mañón).

O RAÑAL (Ferreira)
O dicionario define "rañal" como lugar poboado de "raños" ("sorbeiras").
Alternativamente, de lugar de "raña" ("terreo alto e de monte pobre).

O RECANTO (Frexulfe)
Un "recanto" é un corruncho, esquina, lugar apartado.

O REGUENGO (Budián)
Herdade ou terra pertenecente ao rei, á coroa ou que está suxeita ao pago dun foro ou canon por terlle pertencido. Cf. aquí.
O nome provén do latín tardío regalengum 'real, pertencente ao rei, patrimonio do rei'. Como arcaísmo, significa “terra que por conquista ou confiscación era incorporada ao patrimonio real” ou tamén “foros, dereitos que, recaendo en certas terras, pertencían á Coroa” (cf. "Grande Dicionário da Língua Portuguesa", 452).

O REIRADO (Ferreira)
Derivado do composto riuum Iratum (río Iratum), con evolución compositiva análoga á doutros topónimos tais como Remourelle.
O termo Iratum procedería da raíz hidronímica paleoeuropea *er- "moverse", na forma *ir- (cf. E. Bascuas, p. 142 de "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega").

O REQUEIXO (Vilacampa)
O dicionario define "requeixo" como "baixada dun monte en declive para un vale" (cf. aquí), ou tamén lugar apartado, nun recanto. E. Rivas especifica que é a zona 'parte inferior do monte, ao pé do vale'. Cf. E. Rivas, "Natureza, Toponimia e fala". 2007. 
Segundo E. Bascuas , viría da forma prerromana *rek- presente en palabras como rego (con "e" aberto), e do sufixo -asio, presente en topónimos como "Arteixo". Cf. VERBA, 2000.

O RETORNO (Budián)
Os topónimos "Torno" e "Retorno" son de orixe prerromana, cun significado de "chorro de auga",  probablemente derivados da raíz hidronímica prerromana *ter- 'frotar, atravesar'.
Ver a entrada específica de blogue >>> aquí para máis detalles.

ORXÁS (A Laxe)
Plural de "Orxal", lugar onde abunda o "orxo" ("cebada"), do latín hordeum.

O SOLLOSO (Frexulfe)
Probablemente de (terreo) solloso ("soleado"), lugar abrigado onde dá o sol, posiblemente situado no lado sur dunha montaña ou dunha encosta.
Aínda que máis improbable, tampouco se pode descartar unha orixe alternativa en relación a un elemento da hidronimia prerromana *sal- ou *sol- . De feito, existe o "río Solloso", afluente do Sor.
Existe outro "Solloso" en Chavín, outro no Vicedo e outro nas Pontes.

O TARANCO (Frexulfe)
O termo "taranco" é de orixe prerromana, posiblemente relacionado co termo galego "tara" ("releve rochoso"). 
O prestixioso E. Bascuas analizou os topónimos Taranco, Tarancón, que inclúe entre os de base paleoeuropea (pre-céltica) *tara-, e derivados da raíz indoeuropea *ter- "fregar, perfurar", co sufixo prerromano -anko.  Cf. p. 280 de E. Bascuas "Hidronimia y léxico de origen paleoeuropeo en Galicia". 2006.
Existe tamén este topónimo "O Taranco" no Viveiró e en Silán.

O TROBO (Vilacampa)
O dicionario define "trobo" como "colmea, tronco oco de árbore". Cf. aquí.

O VALADOURO 
(Santa Cruz do Valadouro)
Valadouro, é un termo composto de "Vale do Ouro", do río Ouro. Ver "Río Ouro" para máis detalles.

O VEDREIRO (Budián)
O termo "vedreiro", designaría un lugar onde abundan os "bedros", ou "bredos", do latín blitu(m), a planta Amaranthus blitum.
Alternativamente, lugar de "vedros", 

O VILAR (Santa Cruz do Valadouro)
O termo "vilar" inicialmente indicaba unha explotación agraria situada na extremeira dunha uilla, da cal se vai progresivamente escindindo ou esguizando ata adquirir entidade propia" (Cf. p. 221 de C. Baliñas. "Do mito á realidade: a definición social e territorial de Galicia na Alta Idade Media (séculos VIII e IX)"). É moi probábel que na orixe de moitos dos topónimos baseados en "vilar" ou derivados proveñan de significados de carácter máis ben agronímico, máis que de núcleos habitados.

Porén, na actualidade, os dicionarios referen a un "casarío", "aldea pequena, lugar pequeno", se ben tamén recollen o termo como "conxunto de terras a labradío, cercadas ou pertencentes a varios donos". Elixio Rivas rexistra en Vilalba a acepción "Conjunto de fincas que siguen los mismos cultivos, polígono de labradíos", e F. J. Rodríguez nesa mesma zona: "heredad grande, que descansa y se aplica a centeno [...], de varios partícipes". Unha acepción de Leandro Carré, que pasou logo para dicionarios posteriores, foi "Campo en barbeito ou restreva despois de recollido o froito".
Cf. aquí.

OS BISPOS (Santa Cruz do Valadouro)
O  termo "Bispo", do latín episcopus, pode deberse ao uso deste como alcume ou sobrenome familiar (máxime neste caso sendo plural). 
Alternativamente, talvez indicase unha antiga pertenza á xurisdición episcopal. 
É tamén preciso ter en conta que o termo "Bispo" como elemento onomástico persoal, ou alcume, é frecuente na documentación altomedieval (cf. Boullón Agrelo, 1999. "Antroponimia medieval galega (ss. VII-XII)").

OS BURGUEIROS (Vilacampa)
Os dicionarios indican dúas acepcións que poderían encaixar para o este nome de núcleo de poboaciónquer a de 'burga, manancial de auga quente', ou tamén a de 'moradores dun burgo ou vila'. Cf. aquí.
Aínda que descoñezamos se existe ou existiu un manancial de auga quente, semella ser a opción máis probable, dado que o tamaño deste núcleo de poboación non parece corresponder co dun "burgo".

OS CAÑOTOS (O Cadramón)
O cañoto significa o mesmo que canoto, " talo de certas plantas coma a col ou o millo". Outra acepción é a "parte do talo que queda pegada á raíz despois de cortar unha planta".

OS CEIBALLÓS (A Laxe)
O lugar tamén é chamado "Monte do Ceiballón".
O termo "ceiballós" é o plural de "ceiballón", posiblemente derivado de "ceiba", e portanto relacionado coas "ceibas", "pastaxe común en terreos baldíos" (termo recollido en Trás-os-Montes, Norte de Portugal). Cf. aquí.

OS COUCILLÓS (Frexulfe)
Derivado do termo "couce". A palabra "couce" ten múltiples acepcións. Nestes casos viría de calce "calcañar", e designa un "sitio de forma semicircular que remata en terraplén ou baixada pronunciada".


OS GALEGOS (Frexulfe)
Topónimo de interpretación incerta.
O topónimo “Gallegos” é  frecuente no norte de Castela, en Asturias e no norte de Portugal, posibemente referenciando a repoblación por xente galega
Porén, a presenza no  territorio galego (cf. Nomenclátor da Xunta) deste topónimo é máis extraña, ao non servir de elemento diferenciador. Podería, incluso no caso galego, ter sentido en zonas de repoboación, para diferencialos doutros lugares repoboados con xente de fóra da Galiza. 
Menéndez Pidal relacionouno con repoboación por xente da Gallaecia Bracarense (cf. R. Menéndez Pidal, “Repoblación y tradición en la cuenca del Duero”. 1960).
Pola súa parte, García Arias indica que, para os lugares chamados "Gallegos" na  toponimia asturiana,  tórnase difícil de precisar se derivan de establecementos de xentes procedentes da Galiza ou “de ascendencia propiamente céltica o gala” (cf. X. L. García Arias, "Contribución a la gramática histórica de la lengua asturiana". 1988).
O profesor E. Bascuas relacionounos cunha ascendencia prerromana ao establecer a evolución kallaikos > Gallaecus > Galegos (cf. E. Bascuas, "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega". 2002).
Finalmente, Boullón Argrelo, ao estudar na antroponimia medieval  a alta frecuencia  do cognomen "galego" no  corpus galego cre que "non debe responder a unha identificación
étnica, senón á calidade de 'cristián vello' fronte a 'mouro' ou 'xudeu'"; tamén refere a interpretación indicada de Menéndez Pidal (cf. Boullón Agrelo, 1999. "Antroponimia medieval galega (ss. VII-XII)").

OS MORAOS (Frexulfe)
Probablemente derivado de "agros moraos", dun posesor de nome Moranus.
Como "curiosidade", indicar que unha publicación oficial da Xunta atribúelle a "Morao", na Mariña, unha orixe en "Morado". O termo "morao" ofrece outras dúbidas en canto á súa orixe, mais non esta. Unha pena que se recolla nunha publicación oficial. Ver a "curiosidade" >>aquí.

OS NOVÁS (San Tomé
 de Recaré)
De "os (agros) novás", plural de "noval", finca nova.
O termo "anovar" significa "volver un monte ou bouza en labradío, convertir un lugar inculto en terra cultivable". Cf. aquí.

OS PASOS DAS FORXAS (A Laxe)
Posiblemente "pasos" designen as pedras dispostas no río a modo de "pasos" para cruzar. As forxas estarían situadas ao pé do río.

PAGAOS (Budián)
Posiblemente co significado recollido no dicionario: "castaños novos que aínda non foron enxertados". Cf. aquí.

PAIZÁS (Santa Cruz do Valadouro)
O mesmo que "Painzás".

PANDA (O Cadramón)
Unha "panda" é un terreo combado ("pandado").

PARDIÑA (O Cadramón)
O topónimo "pardiña" deriva do latín parietina,  "casa en ruínas, paredes", e despois pasou a ter un significado de "devesa ou terreo acoutado".

PASADA (Vilacampa)
O apelativo "pasada" indica un "lugar de paso do río, xeralmente a través de pedras colocadas como "pasos" formando unha liña". 

PEDRALBA (San Tomé de Recaré)
De "Pedra Alba". Hai moitos topónimos con este nome en Galiza. O significado directo é  "pedra branca", aínda que non se pode descartar que "alba" teña significado e orixe distinta, na raíz indoeuropea precéltica *alb-, "altura, monte".

PEDROUZOS (Santa Cruz do Valadouro, San Tomé de Recaré)
O topónimo "pedrouzo", frecuente en Galiza, indica unha "morea de pedras", e tamén un "penasco elevado" ou "cima penascosa". Cf. aquí
O sufixo -ouzo (do latín vulgar -uc(c)eus, formado sobre -uccus/-iccus) dálle un matiz despectivo, o mesmo que ocorre no homólogo portugués pedrouço. Cf. aquí.

PENA DANA (O Cadramón)
Posiblemente derivado do hidrónimo prerromano *an(n)a- "lodo,  charco, pantano, auga" . Eligio Rivas ("A auga na natureza") esténdese sobre a partícula indoeuropea *ana, ‘auga’, presente en "Guadiana" e noutros río. Cita unha Anna Velha en Olhao (Portugal). 
Ver >>> Rego do Aro para máis detalle sobre topónimos relacionados, como "Anido", "Aneiro", "Anellada", "Pena Dana".
Alternativamente, podería estar referido ao nome dunha antiga posesora.

PENA PORRÍN (O Cadramón)
Orixe incerta, posiblemente indicando a forma da pena.
Para Navaza, que menciona este topónimo concreto, podería vir de "Pinna Porrini", forma en xenitivo de Porrinus, que indicaría o posesor do lugar.
Para Navaza interpreta en xeral os termos "Porreira", "Porriño", "Porreta", etc, como abundanciais de porro, lugar onde nacen ou propicio para os porros, entendendo porro nun sentido máis xenérico de allos, cebolas, porros, etc  (cf. G. Navaza, "Fitotoponimia galega").

Con todo, esta interpretación parece non encaixar tendo en conta a existencia de polo menos seis "Pena Porreira" en Galiza: ademais desta de Vilavella, en Paderne, na Merca, en Palas de Rei, en Crecente, e en Lousame; tamén hai dúas "Pena Porrín", esta no Valadouro e outra na Estrada.
Alternativamente, sendo unha pena, podemos interpretalo nun sentido metafórico, indicando unha pena redondeada. Este sentido metafórico xa está atestado na Idade Media, aplicado como alcume ("Gonçaluo Rodrigues, Cabeça de Porro", 1451).

Por outra banda, García Arias interpreta os topónimos asturianos "El Porréu" e "Porrúa" como en relación á pedra, e  observa que "a algunas peñas de cabeza redondeada las llaman porru o porra, en la toponimia, especialmente hacia el oriente". Coincidimos nesta opinión, tendo en conta a  indicada frecuencia na toponimia de "Pena Porreira" e "Pena Porrín" (cf. nomenclátor Xunta). García Arias, no entanto, non o explica metaforicamente pola forma da pena senón como formas derivadas do céltico *purram ‘hinchazón’ (cf. X. L. García "Toponimia Asturiana")

PENAS DO BOIVAL (O Cadramón)
O termo "boibal" podería derivar da raíz pre-latina *boi-, "rocha, pedra". Isto parece encaixar ben neste topónimo.

Alternativamente, rexístrase "bovia" como apelativo e topónimo, en Asturias e León. Así, G. Álvarez rexistra o apelativo "bobia"  ‘paso natural entre montes’, presente na toponimia de Asturias e de León (Guzmán Álvarez, "El habla de Babia y Ladana". Revista de Filología Española. Anejo XLIX. 1949). Garvens alega referencias documentais medievais ("illa bouia de Calabro", "illa bouia de Rouredo").
Canto ao significado,  segundo esta acepción astur-leonesa, Concepción Suárez menciona o topónimo asturiano "La Boya" (Parana), ‘pastos altos de verano ya en el límite con Aller’. O significado sería ben o de  ‘pastos, prados’ ou ben o de ‘paso entre montes, cole’. As dúas etimoloxías propostas son, por un lado a de Garvens, que parte dun elemento prerromano *bob  ‘oco’, e que explicaría o significado de ‘pasaxe, porto’ (cf. F. Garvens, "Die vorrömische Toponymie Nordspaniens". 1961). Por outro lado, García Arias e Concepción Suárez relaciónano co latín bove- ‘boi’.  Cf. aquí.

Existe tamén outro "Boival" en Boimente (Viveiro).


PENIDO DA ESCULCA (Vilacampa)
Ver "Monte da Esculca".

PENIDO DAS LANCHAS (Vilacampa)
O termo "lancha" ten tamén a acepción de "laxe" (cf. DdD), que sería a correspondente a este topónimo.
Atopamos outro "As Lanchas" en Muras.

PENIDOS DO XERRAPIO (A Laxe)
O termo "penido" indica abundancia de penas. 
En canto ao termo "xerrapio", é unha deturpación de "serrapio", ver "O Chao do Serrapio".

PEREIRASIDRAL (Frexulfe)
O nome desta casa aillada correspondería a un composto de "Pereira Sidral", indicando talvez unha clase de pereira da que se fai sidra co froito. Isto parece confirmalo a existencia do topónimo análogo, "Peral Sidral", rexistrado en León no "Tumbo Viejo de San Pedro de los Montes". Cf. aquí
Alternativamente, tampouco podemos descartar que "sidral" podería vir de "cidral" 'lugar onde abundan as cidreiras', co que "Pereira Cidral" tamén podería indicar un lugar onde abundan as cidreiras, e "pereira" podería vir de "pedreira", como acontece noutros topónimos "Pedreira". 

PEZAS DA GRELA (San Xiao de Recaré)
O termo "peza" sería "parte dun terreo que lle é asignada a unha persoa. 
En canto ao termo "grela", xeralmente derívase de "agrela", 'pequena agra', do latín agrella. Con todo, non se pode descartar unha orixe paleoeuropea (é dicir, precelta) no tema feminino  *gw(e)ri-, que propón Pokorny, derivado da raíz indoeuropea *gwer- "tragar". Esta é a hipótese que tímidamente defende Bascuas para o topónimo "Grenla", derivándoo de *gri(v)inella, co diminutivo latino a partir de *grivna. Cf. E. Bascuas "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega". 

PEZAS DO VEDREIRO (Budián)
O termo "peza" sería "parte dun terreo que lle é asignada a unha persoa. En canto a "vedreiro", designaría un lugar onde abundan os "bedros", ou "bredos", do latín blitu(m), a planta Amaranthus blitum.

PICO DE BEN (O Cadramón)
Posiblemente designando o apelido "Ben" dun antigo posesor.

PICHEIRA (Vilacampa)
Coidamos que o significado é o de "cachón", "pequena fervenza". Así, existen en Galiza as fervenzas chamadas "A picheira da Seara" e "Picheira do Fócaro" en Quiroga, "A Picheira de Vieiros" en Ferramulín (Courel). 
Aínda que os dicionarios de galego non rexistran esta acepción, si rexistran "pincheira" e "ficheira" con esta acepción.
O nome "picheira" en portugués é o mesmo que "pichel", xarra para sacar o liquido das cubas de viño.
É preciso confirmar localmente a existencia de tal fervenza.

PONTE DO PORTO DA VACA (Budián)
En canto a "Ponte do Porto", o significado é transparente, referido á existencia dunha ponte nun "porto" de río". Ou sexa, antes da existencia da ponte xa se usaba o lugar como vao, por onde cruzar o río.
En efecto, os dicionarios de galego rexistran as tres acepcións de porto, tanto a de "porto de mar" como a de "vao no río, sitio por onde se pode atravesar" e a de garganta por onde se atravesa un monte.

Por outra banda, é interesante reparar que Ferreira Priegue vencella os Portos con postos nos que se cobraba un portus, unha pasaxe, imposto ao tráfico de mercadorías : "En el imperio romano un portus era un puesto fiscal donde se pagaban impuestos de circulación y tráfico de mercancías (portorium) de tipo de los posteriores peajes y portazgos". Cf. E. Ferreira, 1988. "Los caminos medievales de Galicia".

POZA DA ONZA (Budián)
Ver "A Onza".

PRADIA (Budián)
Gonzalo Navaza inclúe este topónimo, tamén existente en Ortigueira, na súa obra de fitotoponimia, e indica, con reparos, que identificaría a árbore chamada tamén "pradio", probablemente a mesma que "pradieiro" (cf. G. Navaza, "Fitotoponimia galega". 2006).

PUÑÍN (San Tomé de Recaré, O Valadouro)
Posiblemente *(uilla) Pugnini, forma en xenitivo de Pugninus ou Puninushipocorístico de Pugnius ou Punius. nome do posesor medieval da uilla ("explotación agríola"), nome de orixe xermánica.  

RAMASQUIDE (Frexulfe)
Significado e orixe incertas. O sufixo -ide neste caso é un abundancial, como proba a existencia noutras zonas os topónimos "Ramasquido" e "Ramasquedo".
En Ramasquide consérvase un antigo dolmen, na marxe esquerda do río Fraga das Lerias, a carón do rego da Pumarega, máis abaixo da fervenza. 

RAÑEIRAS (Ferreira)
Ver "As Rañeiras".

RAÑOAS (Budián)
O termo "rañoas" é a forma en diminutivo e plural de "raña". Unha "raña" costuma ser un lugar pelado e pedregoso. No dicionario figuran dúas acepcións de "raña" que encaixan como topónimo:
1.     "Terreo alto e de monte pobre".
2.     "Rápido desnivel no leito dun río de fondo pedregoso".

Segundo o DGPE: Raña, nome duns 20 lugares en Galicia e outros tantos ou máis en Ciudad Real, Toledo, Badajoz etc, cuxo sentido topónimico parece ser, en opinión de Menéndez Pidal, "sitio raído ou arrastrado por acción erosiva das augas o por un desprendimento de pedras".
Algúns suxeren para o topónimo unha raiz preindoeuropea *ra-, *ro- que daría lugar a unha familia de palabras relacionadas con "rañar", "arrasar", etc. Cf. E. Rivas "Toponimia de Marín".
Ver aquí e aquí para unha discusión máis ampla.

REBOREDO (Budián)
O mesmo significado de “carballedo” ou “carballeira”, soamente que neste caso a orixe é no latín robur 'carballo', co sufixo abundancial –edo (do latín -etum), en canto “carballedo” vén de voz prerromana, xunto co mesmo sufixo abundancial romance.

RECARÉ (San Xiao de Recaré, San Tomé de Recaré)
De (uilla) Re(c)caredi, forma en xenitivo de Re(c)caredus. nome do posesor medieval da uilla ("explotación agríola"), nome de orixe xermánica.  

RECUNCO (O Cadramón)
Un "recunco" é a "revolta dun río". Cf. aquí.

REGA (O Cadramón), REGA DA VEIGA (Moucide)
Unha "rega" é definida como "angostura formada pola unión das faldas de dúas montañas, que costuma ser cauce dun rego (cf. aquí) . Sería, por tanto, un "pequeno vale polo que discorre un rego."
É xeralmente admitida para "rega" unha orixe prerromana, dunha formación paleoeuropea *re-ko, ou *rai-ko 'río', derivada da raíz indoeuropea *er- 'moverse'. Para unha análise etimolóxica ampla de "rego", ver E. Bascuas aquí.

REGO DA FURADA DA ARCA (Vilacampa)
Unha "arca", xeralmente reférese a restos de dolmen (tales como os esteos e a furada), por veces referindo somente un marco divisorio.
Ao indicar "furada", posiblemente estea relacionado con furada de mámoa.

REGO DAS FORQUETAS (O Cadramón)
Posiblemente referido a "bifurcación", que é unha acepción do termo "forqueta". Existe tamén "Rioforcado" en Cedeira e "A Forqueta" en Riobarba (O Vicedo).

REGO DO ARO (Frexulfe)
Posiblemente o significado de "Aro" estea relacionado coa raíz hidronímica prerromana *ar-, presente en moitos ríos europeos, e en particular en moitos "rego de Aro" da comarca.
Ver a entrada específica de blogue >>> aquí para máis detalles.

REGO DO HOME (Moucide)
Posiblemente non teña que ver con nada relativo ao apelativo "home" senón co tema hidronímico prerromano *um- , coa mesma que o río "Eume". Bascuas interpreta varios "Home" deste modo, cunha orixe no tema paleoeuropeo *um-, derivado da raíz indoeuropea *wegw- 'húmedo'. Cf. p. 229 de E. Bascuas "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega". 

REGO DOS ALLÓS (O Cadramón), REGO DOS ILLÓS (Vilacampa)
Posiblemente "allós" teña igual orixe a "illós". O termo "illó" derivaría do latín vulgar *oculiolu, e designa un sitio pequeno onde brota auga e é pantanoso (cf. aquí).

RILLEIRA (Moucide)
O dicionario define "rilleira" como "pisada que deixa a roda do carro", e tamén"respaldo do escano". Cf. aquí.
Posiblemente deba interpretarse como lugar de paso con certa humidade de modo que se chantaba o carro. 
No entanto, dada a frecuencia da presencia deste topónimo preto de regatos, tampouco se pode descartar unha orixe noutro termo de orixe prerromana, relacionado coa raíz indoeuropea *er- presente na hidronimia europea e estudado por Bascuas (cf. E. Bascuas "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega").

RÍO OURO (O Cadramón)
O río "Ouro", que tamén deu nome a "Valadouro", está documentado na Idade Media como Aurio
A orixe deste topónimo, estudado por Bascuas e outros autores, sería prerromana  e estaría na  raíz hidronímica indoeuropea *awer- "fluír" (cf. p. 124 de E. Bascuas "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega"). 
Esta orixe paleoeuropea parece reforzarse se temos en conta a existencia do "río Ourubio" (afluente do Navia), no que vemos a mesma raíz Our-, así como a forma -ubio 'auga, río', tamén paleoeuropea. 

Non cremos probábel a interpretación doutros autores como F. Villar, que relacionaron este topónimo co latín aureum  'de ouro, dourado' (cf. aquí, aínda que Villar interpreta "Ourubio" do mesmo modo que aquí facemos).

ROZAS (Vilacampa)
De "(monte das) rozas", monte que se cava para cultivalo con trigo ou centeo". 

SA (San Xiao de Recaré)
O topónimo "Sa", moi abundante en Galiza e no Norte de Portugal, e amplamente documentado, tamén coa grafía "Saa", posiblemente deriva do xermánico *sala. Así, para J. M. Piel, "sala" tería un significado similar a "casa de campo, casarío, quinta", unha explotación agraria, que incluía a residencia señorial.
Segundo D. Kremer, tería "un significado primario de "casa de liñaxe nobre ou antiga", significado próximo ao latín uilla ou palatium, aos que substituíu” (cf. pp. 133-148 de D. Kremer, "El elemento germánico y su influencia en la historia lingüística peninsular", en "Historia de la lengua española". 2004. Barcelona).
Por outro lado, Roberts e Pastor derívano dunha base preindoeuropea *sel- 'estancia humana', raíz da que derivan termos como o búlgaro antigo selo ‘aldea’, selitva ‘vivenda’, e que orixinaría nas linguas xermánicas *sal- 'habitación, cuarto' (cf. Roberts, E. A. e Bárbara Pastor "Diccionario etimológico indoeuropeo de la lengua española". 1996. Madrid).

SABUCEDO (San Tomé
 de RecaréSanta Cruz do Valadouro)
Lugar onde abundan os sabugos ou vieiteiros.


SABUGUEIRA (Santa Cruz do Valadouro)
O termo "sabugueira", aínda que non recollida polos dicionarios galegos, probablemente responda a un abundancial de "sabugueiro", e por tanto sinónimo de "sabucedo". 
Esta é tamén a interpretación dada por Navaza (cf. G. Navaza, "Fitotoponimia galega"aquí).

SANGUÑIDO (Budián)
O mesmo que "sanguiñedo", lugar onde abundan os sanguiños (planta).

SENRA (A Laxe)
Unha "seara" ou "senra" é unha ‘sementeira de cereal’, un campo cultivado.
Ten orixe prerromana, derivada dunha forma sénara. Corominas asígnalle unha posible orixe celta, talvez de sena ara 'cultivo separado' ou similar (cf. Corominas, DCECH, s.v. serna).
Tanto "Seara" como "Senra" son topónimos frecuentes en Galiza.

SIXTO (San Tomé
 de Recaré)
Pronunciado "Sisto", sendo Sixto probablemente unha ultracorrección. 
Para Díaz Fuentes "sisto" sería unha "parada nun camiño". Cf. Díaz Fuentes, no seu traballo sobre a comarca de Sarria. 
Outra interpretación é como referencia a un posesor medieval chamado Sistus. Así ocorre nalgúns casos documentados. Cf.  Lucas Ávarez "El Tumbo de San Julián de Samos". Porén, os varios topónimos  "Sistelos",  "Sistelo" e "Sistelín" existentes parecen descartar esta unha orixe antroponímica e apontar máis para a interpretación de Díaz Fuentes ou similar.

Alternativamente, hai quen refere ao reparto de terras, a sextos, na época sueva. Cf. Isidoro Millán González: "Toponimia del concejo de Pontedeume y cartas reales de su puebla y alfoz". 1987

SOUTO BARGÁN (Budián)
O termo "Bargán" pode ter varias interpretacións. Cremos que neste caso derivaría do apelativo de orixe prerromana "barga", na acepción de "a parte máis peada dunha costa" (cf. aquí), do mesmo modo que existe, por contraposición "Souto Chao".
É importante notar que esta acepción de "barga", é a coincidente co significado en asturiano de barga 'costa'.

TANÍN 
(A Laxe)
Este topónimo, segundo E. Bascuas, podería derivar do céltico *tanno- 'carballo, aciñeira', cuxa casca se usaba para tinxir. De *tanno derivaría o galego "tanoira" 'curtidoría de peles'. Cf. p. 92 de E. Bascuas "Hidronimia y léxico de origen paleoeuropeo en Galicia". 2006.
Con todo, e pese ao prestixio de Bascuas,  hais outra orixe talvez máis probábel: sendo Tanín o nome dun núcleo habitado, é probábel a derivación dun nome de posesor en xenitivo, sempre que se atope unha posible derivación. Cun pouco de imaxinación, este podería ser *(uilla) Tannini, dun posesor chamado *Tanninus (hipocorístico de Attan, cf. aquí). Porén, é incerta a existencia de Tanninus frente ao esperado Taninus. Este último tería evolucionado para *Taín (tal como ocorreu con Ataínde, de *Attaniti), e non para Tanín.
A orixe do nome Attan é controversa; para máis detalle, véxase a entrada "A Cova de Atán" máis enriba.

TELLEIRA (Budián)
Lugar onde fabricaban tellas, aproveitando as terras barrentas do lugar.

TIMÓN (O Cadramón)
Orixe incerta.
Posiblemente de orixe paleoeuropea (pre-céltica), cun significado similar a "lama, lodo". Neste sentido, E. Bascuas relaciona varios "Timón" coa base paleoeuropea  *tim-, derivada da raíz indoeuropea *ta- 'derreterse, fluír', de carácter hidronímico, presente en múltiples topónimos.
Porén, tamén admite unha posible relación co apelativo común "timón", aínda que teña un encaixe incerto como topónimo. Cf. p. 103 de E. Bascuas "Hidronimia y léxico de origen paleoeuropeo en Galicia". 2006.

TORRULLÓN (San Xiao de Recaré)
A priori, o termo parece derivar de "torre". Podería referir á existencia dunha antiga torre de vixiancia, ou ben a restos de castro. Porén, é preciso coñecer a orografía para comprobar se se axeitaría a tales significados.

Alternativamente, podería ter unha orixe prerromana, de algo similar a *tur(r)ulione.
En efeito, non somente a raíz prerromana *tur-, é frecuente na toponimia peninsular, senón tamén o elemento -il-. Ademais, o sufixo -ón corresponde en moitos casos coa fixación de voces prerromanas (cf. aquí:  F. Villar, "Estudios de celtibérico y de toponimia prerromana"). Hai topónimos análogos noutros lugares da Península, como varios "Torrija(s)", que ninguén deriva do famoso postre.

TRASISTO (Budián)
Probablemente composto de "Tras Sisto". Ver "Sixto".

TRASMIL (San Xiao de Recaré)
De (uilla) Trasmiri, lugar dun posesor medieval Trasmirus, nome de orixe xermánica.

VALIÑA BOA (Santa Cruz do Valadouro)
O mesmo que "valiño bon", sendo "valiña" diminutivo de "val". Antigamente o termo "val" era feminino.

VAO (Santa Cruz do Valadouro)
Un "vao" é un paso, xeralmente de río, e en particular en sitios de pouca profundidade nos ríos, polo que se pode pasar dun lado ao otro ("vadear").

VEDRAL (Budián)
Lugar onde abundan os "bedros", ou "bredos", do latín blitu(m), a planta Amaranthus blitum.
Alternativamente, de "(lugar de) vedros", sendo un "vedro" un "monte de rozas, que se cava para cultivalo con trigo ou centeo". 

VEDROS (Santa Cruz do ValadouroO Cadramón)
O termo "vedro" é usado para referir un "monte de rozas, que se cava para cultivalo con trigo ou centeo". 
Alternativamente, de "(agros) vedros", do latín  vetulu ("vello"). Incluso habería a posibilidade remota de derivar do latín blitu(m), a planta Amaranthus blitum, chamada "bredo" ou "bedro". Nótese que, neste segundo caso, vedro tería unha pronuncia con "e pechado".

VERDEAL (Moucide)
Ver "A Verdeal".

VEIGA BO (Budián)
Probablemente de "veiga boa".  É curioso a caída do "a" final, fenómeno carácterístico na terminación "-oa" nalgunhas zonas de Galiza, aínda que non nesta zona.

VEIGA DE BADE (O Cadramón)
A orixe do nome "Bade" foi xa analizada polo ilustre Piel. Podería provir de Badde, xenitivo de Baddo, nome dun antigo posesor da veiga. Para Baddo, derívao como forma cariñosa de Baldo, formado a partir do elemento gótico bald- 'audaz'.
Cf. p. 223 e ss. de J. M. Piel, "Os nomes germânicos na toponímina portuguesa" in "Boletim de filologia", Tomo II. 

VEIGA MOL (Vilacampa)
A orixe do termo "Mol" é incerta neste caso. Podería provir de Mauri, xenitivo de Maurus, nome dun antigo posesor.
Alternativamente, pode ser o significado transparente do adxetivo "mol", cualificando as características da veiga en cuestión.
Hai outro "Veiga Mol" no Monte (Xove).

VIDREIRA (Moucide)
Posiblemente grafía alternativa por "bidreira" ("bidueiro"). Hai tamén "Vidral" noutros concellos.

VILACEMIL (Budián)
De *(uilla) Scemiri, forma en xenitivo de Scemirus, nome do posesor  medieval da uilla ("explotación agríola"), nome de orixe xermánica. Cf. M. Costa aquí.

VILASUSO (San Xiao de Recaré)
Do latín uilla sursum, "vila de riba", "vila no alto" (cf. p. 107 de A. Moralejo Laso, "Toponimia gallega y leonesa". 1977)

VILLAGAL (Moucide)
Grafía alternativa pore "vellegal". Un "bellegal" ou "vellegal" significa algo similar a "fraga", no sentido de terreo pedregoso e abrupto.  Cf. aquí.

XELFA (Moucide), XELFAS (O Cadramón)
Etimoloxía incerta.  Moi probablemente corresponda co apelativo gelfa que se conserva en portugués, co significado de "pasto" (cf. aquí).
Topónimos iguais ou relacionados rexístrase en outros lugares de Galicia como Xerfa, Xalfas, Xarfas, e en Portugal Gelfa e Gelfas. Cf. aquí.

XESTEIRA DE CARTAS (O Cadramón)
O termo "xesteira" é o mesmo que "xestal", "lugar onde abundan as xestas".
En canto a "Cartas",  topónimo frecuente en Galiza, posiblemente referencia a ""cada unha das catro partes iguais en que se divide un monte, como no caso do "monte dos Cuartos" en Mosende, e "monte dos Cartos" en Cerdido.
Outra alternativa é a de referencia á "carta" de posesión, pois o significado  do termo prestábase ao seu uso toponímico, do mesmo modo que outros vocábulos referentes aos distintos tipos de administración da propiedade das terras, tais como "Foro", que callaron como nomes de lugar, maiormente na microtoponimia.

Reforzando a hipótese das partillas: 
  • "As Tercias" existe en Cabanas, nas Negradas, nas Nogais, etc, "Os Tercios" en San Sadurniño, Cedeira, San Sadurniño e Mugardos
  • "As de Quintas" nas Nogais, en San Sadurniño ."Os Quintos" en Cariño e Cerdido, 
  • En parroquias de Cedeira existe tamén "Os tercios", "As Sétimas" e  "As oitavas". 
De feito, esta tamén é unha das explicacións asignadas ao topónimo "As Cuartas",  en Monterrei.
Cf. aquí.

Outra alternativa sería relacionado coa cuarta parte dunha propiedade foral, ou de terreos sometidos ao pago dunha renda equivalente á cuarta parte dos froitos. Porén, esta parece improbábel sendo unha "xesteira", improbábel que fose un terreo sometido ao pago de tal renda.

XILMARRÁN (San Xiao de Recaré)
Talvez proveña do nome dun posesor SilimarusGilimarus, na forma Silimarani ou Gilimarani (correspondendo á forma hipocorística ou ao xenitivo xermánico deturpado).
Existe "A Ximarreira" en Galdo e "As Ximarreiras" en Xove e nas Sumoas. 
Xa con simple "r", talvez relacionados, existe unha "A Ximará" en Vieiro, así como moitos topónimos similares, como e.g. Ximarei en Cospeito e Xemaré en Xermade. 

ZOUPELÍN (Santa Cruz do Valadouro)
Talvez o alcume dun antigo posesor. O termo "zoupelín" derivaría de "zoupelo", "zoupo" ("torpe, zambo"), tratando de reducir a carga pexorativa co diminutuvo -ín.




8 comentarios:

  1. Que conste que que moitos dos toponimos que aparecen co enderezo de recare pertencen a parroquia de santo tome do valadouro

    ResponderEliminar
  2. Christian: moitas grazas polo teu comentario.
    Por suposto pode haber erros: os nomes e a parroquia que se indican corresponden cos datos oficiais proporcionados na páxina da Xunda de Galicia, aínda que non se pode descartar que fose erro. Agradeceríache que foses máis concreto e indicases cales son os casos, para poder correxilo.

    ResponderEliminar
  3. Só era unha aclaracion,pero moitas gracias pola resposta. Aqui che deixo os toponimos que en realidade pertencen a Santo Tomé. Gracias

    A muxueira
    Alvite
    esqueira
    navallo
    os novás
    pedralba

    ResponderEliminar
  4. OK, tiñas razón, xa o mudei para o correcto, moitas grazas!.

    ResponderEliminar
  5. O nome real de Santo Tomé, e Santo Tomé de Recaré, a diferencia de San Xulián de Recaré, que e coñecido como Recaré a secas, pero os dou levan o mesmo apelido

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. moitísimas grazas polo comentario!. En canto poida, revísoo.
      saúdos,
      Xose

      Eliminar
  6. En liñas xerais, sorprendeume positivamente este teu traballo. Naturalmente, hai cousas puntuais que iremos comentando e, se che parece, limpando, para maior riqueza do teu esforzo e traballo. Os meus parabéns, Xosé González. Un veciño do Valadouro que escribe e investiga de todo un pouco. Unha aperta agradecida.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Moitísimas grazas polos teus comentarios. Non hai nada máis gratificante que ver que o traballo dun é lido e aprezado; sen dúbida, estimula a continuar co labor. O meu obxectivo é rematar as comarcas da Mariña e do Ortegal, pero hai moito traballo por facer. Polo xeral, un problema que teño é a non dispobilidade para acceder aos lugares aos cais o topónimo refere. Isto provoca por veces confusións fáceis de evitar cando se tén acceso ao lugar. En fin, que queda moito por facer :-)

      Estareiche moi agradecido por todas as críticas e comentarios que me envíes.

      Eliminar